Esquerda Unida cualifica de “corrupción política” a moción de censura do PP en Lugo baseada no transfuguismo

Esquerda Unida manifestou hoxe o seu máis enérxico rexeitamento á moción de censura presentada polo Partido Popular no Concello de Lugo. Para a formación, esta manobra supón unha «deslealdade» non só cara ás siglas políticas, senón especialmente cara á cidadanía que votou unha maioría progresista no Pleno.

Un ataque á calidade democrática

Dende Esquerda Unida lembran que o transfuguismo é unha forma de corrupción política. «Altera as maiorías expresadas nas urnas e menoscaba a credibilidade das institucións», sinalan no comunicado. A formación critica que o PP faga «papel mollado» dos acordos subscritos no Pacto Antitransfuguismo, demostrando que a súa palabra «non é de fiar nin agora nin no futuro».

A ética política e a Lei de Bases

A formación pon o foco na concelleira María Reigosa, sinalando que o único camiño ético ante unha discrepancia co seu partido orixinal (PSOE) debería ser a entrega da acta.

Ademais, Esquerda Unida advirte de que vixiará o estrito cumprimento da Lei de Bases de Réxime Local (art. 73.3) e a xurisprudencia do Tribunal Supremo, que impiden que os edís non adscritos obteñan melloras económicas ou políticas: «Os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos ou retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas respecto á súa situación anterior», lembran citando a sentenza do Supremo de outubro de 2020.

Chamamento ao rexeitamento social

Ante o que consideran unha «ditadura de despachos» liderada por Elena Candia, Esquerda Unida fai un chamamento ao rexeitamento social. Consideran que antepoñer o beneficio particular e o cargo ao interese colectivo é unha práctica que a sociedade lucense non debe tolerar.

«Un goberno nado da traizón aos votantes non pode ser un goberno lexítimo nas súas formas, por moito que as siglas do PP intenten envolvelo en normalidade institucional», conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios