A cidade converterase nun escenario cheo de ilusión, con propostas que van desde maxia solidaria e espectáculos de rúa ata unha gran gala de clausura, a “Gala Lorc & Julit”. Esta produción especial porá o broche de ouro ao festival cunha homenaxe aos magos máis senlleiros da terra ferrolá, ademais doutras sorpresas que se revelarán no transcurso do festival.
O Festival Porta Máxica volve coa súa V Edición para converter a Ferrol no epicentro galego do ilusionismo os vindeiros 8 e 9 de maio, marcando o seu regreso tras a última edición celebrada en 2022. A pesar de gardarse certas sorpresas para os propios días do festival, a organización xa desvelou parte dun programa que leva a arte do imposible desde os centros asistenciais ata o emblemático Teatro Jofre.
O Festival Porta Máxica
Porta Máxica consolidouse como o festival de ilusionismo de referencia no norte de Galicia tras varias edicións de crecemento sostido. O proxecto nace coa vocación de situar Ferrol no mapa das artes escénicas e de converter a cidade nun punto de encontro para artistas e público arredor da maxia.
Máis alá do espectáculo, o festival entende o ilusionismo como unha ferramenta cultural e social, apostando por unha programación accesible e interxeracional. Neste sentido, a súa actividade esténdese por diferentes espazos da cidade —rúas, prazas, centros cívicos ou hospitais— co obxectivo de achegar a cultura a toda a cidadanía e favorecer a cohesión social.
Ao mesmo tempo, Porta Máxica contribúe á dinamización cultural e económica de Ferrol, reforzando o seu posicionamento como destino de turismo cultural.
A V edición: crecemento e novas propostas
A edición de 2026 tardou en chegar, pero volve con máis forza ca nunca. Entre as novidades destaca a “Gala Lorc & Julit”,unha homenaxe aos magos máis senlleiros da terra ferrolá, así como o desenvolvemento de novos materiais pedagóxicos para os obradoiros, deseñados para fomentar a creatividade e espertar o interese pola maxia entre o público máis novo.
A programación estrutúrase en distintos bloques que inclúen unha gala no Teatro Jofre, espectáculos de rúa e familiares en espazos públicos, accións de maxia solidaria en centros asistenciais e actividades formativas.
No apartado artístico, o festival reúne un cartel que combina figuras internacionais do ilusionismo, artistas do panorama estatal e unha destacada presenza de talento galego e local de Ferrol, que supera a metade da programación.
Neste contexto, o festival conta coa dirección do ilusionista ferrolán Martín Varela, responsable da concepción escénica da gala e dunha liña artística propia que aposta por espectáculos coidados, con fío condutor e identidade propia.
O Festival Porta Máxica entende a maxia como unha linguaxe aberta, viva e transversal. É unha proposta que dialoga coas artes escénicas e coa creación contemporánea, e que aposta por achegar a ilusión a públicos diversos e a diferentes espazos e contextos locais.
Porta Máxica pon en valor de maneira especial o talento ferrolán, o territorio e o legado histórico da maxia en Ferrol, reivindicando a súa tradición e o seu papel como parte fundamental da identidade cultural do proxecto. Un equilibrio entre apertura e raíz que consolida Porta Máxica como un punto de encontro entre disciplinas, públicos e territorios, pensado para ser vivido, compartido e desfrutado sen barreiras.
O Festival Porta Máxica 2026 está organizado polo Concello de Ferrol e producido por Thinking Up Live, coa colaboración do Colectivo Máxico Lorc & Julit e da Fundación ABRACADABRA.
As entradas para a gala do sábado no Teatro Jofre teñen un prezo único de 6 € (+ gastos de xestión) e están xa dispoñibles en ataquilla.com. O resto das actividades programadas serán de acceso gratuíto.