Katy Varela defende no Parlamento que a CHMS cumpra coas súas obrigas demantemento e limpeza dos ríos da súa competencia

A deputada popular ve necesario mellorar a coordinación entre administracións onde as competencias hidráulicas están repartidas en varios organismos: “Non se pode permitir que as confederacións actúen como sucursais ministeriais e non cumpran coas súas obrigas reais”.

 A deputada autonómica e portavoz do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que cumpra coas súas obrigas de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia.

Katy Varela explica que a proposta xorde despois das intensas borrascas e choivas rexistradas nos últimos meses, que puxeron de manifesto as deficiencias na xestión e conservación das canles fluviais. “Hai danos que son inevitables ante fenómenos meteorolóxicos extremos, pero moitos outros poderían evitarse cun mantemento axeitado por parte das administracións competentes”, defendeu.

A deputada popular denunciou que a falta de limpeza en ríos e regatos provocou situacións de risco e danos materiais en distintos puntos, como ocorreu en Monforte, onde varios barrios sufriron inundacións debido á acumulación de maleza, troncos e obstáculos que impedían o correcto fluxo da auga.

Varela puxo como exemplo o caso da rúa Montepando, onde os veciños tiveron que asumir do seu peto os custos da limpeza ante a inacción tanto do Concello como da CHMS.

A popular subliñou tamén a diferenza de actuación entre a CHMS e Augas de Galicia, destacando que o organismo autonómico conta cunha planificación continua e investimentos estables para o mantemento dos ríos, mentres que a confederación estatal carece de medios permanentes suficientes.

Ademais, Varela insistiu na necesidade de mellorar a coordinación entre administracións onde as competencias hidráulicas están repartidas en varios organismos. “Non se pode permitir que as confederacións actúen como simples sucursais ministeriais e non cumpran coas súas obrigas reais”, afirmou.

A iniciativa defende que á Xunta de Galicia se dirixa á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que leve a cabo unha correcta actuación de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia, ao tempo que solicita aos concellos que actúen nos tramos que lles corresponden.

Comparte éste artículo
No hay comentarios