O PP pregunta á Deputación polo estudo de ampliación do Pazo dos Deportes mentres as obras na cuberta van a medias e acumulan 3 meses de atraso

Ameijide recorda que os traballos a realizar no Pazo se adxudicaron en dous lotes por un importe total de 602.294,76€ e que a día de hoxe, na documentación á que tivo acceso o Grupo Popular, faltan por certificar 313.086,18€: “Falta máis da metade dos traballos por certificar e polo que se lles informan aos usuarios queda polo menos un mes de obra”.

Os voceiros do PP no Concello de Lugo e na Deputación, Elena Candia e Antonio Ameijide, visitaron esta mañá as obras que se están a acometer no Pazo dos Deportes de Lugo, instalación propiedade da Deputación de Lugo e na que xogan, entre outros equipos, o Breogán e o Ensino,traballos que aínda non remataron a pesar de que van camiño de cumprir os setemeses e tiñan que estar rematadas en catro, van case duplicando o prazo.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, recorda que as actuacións comezaron no mes de abril e, segundo o compromiso inicial do goberno provincial, debían estar rematadas en agosto. Posteriormente, pediuse unha prórroga ata setembro, “peroa día de hoxe, en novembro, os traballos seguen sen concluír e todo apunta a que, no mellor dos casos, aínda falta un mes”.

As obras foron adxudicadas en dous lotes:

– Lote 1, por un importe de 411.201,08€, do que aínda quedan 180.280,48€pendentes de certificar.

– Lote 2, por 191.093,68€, con 132.805,70€ pendentes de certificar.


En total, os traballos ascenden a 602.294,76€, dos que 313.086,18€ seguen sen certificar.

Entre os traballos incluídos no proxecto están actuacións de impermeabilización e eliminación de humidades, un problema recorrente no Pazo que en ocasións chegou a afectar ao desenvolvemento de partidos oficiais e adestramentos.


Ameijide lembra que, como aínda non choveu de forma abundante en Lugo non se puido comprobar se a solución aplicada é eficaz, polo que “preguntaremos ao BNG se existen garantías suficientes para afirmar que as filtracións e as humidades están resoltas e que non volverán afectar á actividade deportiva no Pazo”.

O portavoz popular lembra que desde o BNG, formación que xestiona o Pazo dos Deportes no goberno provincial, sempre defenderon que as obras non se prolongarían máis de catro meses e mesmo acusaron ao PP de mentir cando advertiu dos atrasos na execución dos traballos e de “empregar estas obras como arma política”.


“Hoxe está claro quen non dixo a verdade. O BNG prometeu unhas obras curtas e leva máis de medio ano co Pazo convertido nunha obra interminable. Unha vez máis, as mentiras do BNG quedan ao descuberto”, destacou.

AMPLIACIÓN DO AFORO

A voceira municipal do PP, Elena Candia, recordou que hai máis dun ano que tivo lugar unha reunión entre todas as administracións para explorar as diferentes posibilidades para acometer unha reforma integral do Pazo dos Deportes. “Pasou un ano e aínda nada se sabe sobre o estudo que se comprometeu a elaborar a Deputación para a posible ampliación de localidades que impiden que moitos lucenses, que queren ser socios do Breogán, non poidan por falta de localidades”, sinalou.

Os populares explicaron que o Pazo “é un símbolo para a cidade e para a provincia”, polo que merece unha xestión seria, transparente e respectuosa cos prazos e cos compromisos adquiridos. “O que están a facer desde o BNG é unha mostra máis da súa incapacidade para xestionar proxectos e da súa falta de respecto cara aos lucenses”, sinalaron.

Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no vindeiro pleno da Deputación polas causas reais destes atrasos, polas garantías técnicas dos traballos de impermeabilización e polo futuro proxecto de ampliación do aforo do Pazo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios