O BNG, atrapado entre a retórica e os feitos

Coordinador UCIN Galicia

O recente viaxe de Ana Pontón a Brasil preséntase como unha aposta por abrir novas oportunidades económicas, produtivas e culturais para Galiza. Sobre o papel, nada que obxectar: explorar mercados, tender pontes e procurar colaboración internacional é, hoxe máis que nunca, unha necesidade nun mundo interconectado. O problema xorde cando se analiza quen promove esta iniciativa e, sobre todo, desde que posición ideolóxica se fai.

Porque resulta difícil non ver unha fonda incoherencia no discurso do Bloque Nacionalista Galego. Durante anos, a súa traxectoria política no Parlamento galego caracterizouse por unha retórica que, en múltiples ocasións, cuestiona os mecanismos da economía global, critica os fluxos de capital e defende fórmulas de intervención pública que pouco teñen que ver coa apertura real ao exterior que agora se pretende escenificar.

¿En que quedamos? ¿Deféndese a globalización cando interesa e denúnciase cando non encaixa no relato?

Non é unha cuestión menor. A credibilidade política constrúese sobre a coherencia, e o BNG leva décadas instalado nunha especie de equilibrio imposible: aspirar a gobernar sen asumir plenamente as regras do xogo global. Mentres tanto, os resultados son evidentes: anos de presenza parlamentaria sen capacidade de liderar un proxecto maioritario de país. E iso debería invitar, cando menos, a unha reflexión interna.

Mais hai algo máis profundo. A viaxe a Brasil non pode ocultar unha realidade incómoda: unha parte significativa do pensamento que inflúe no BNG —coa UPG como referente histórico dentro da organización— segue ancorada nunha visión ideolóxica que tende ao illamento, á desconfianza cara ao mercado e á idealización de modelos que, na práctica, demostraron as súas limitacións. Non fai falta ir moi lonxe para atopar exemplos: economías pechadas, sistemas excesivamente intervencionistas e sociedades con escasas oportunidades de progreso real para a súa cidadanía.

Defender, aínda que sexa de forma indirecta, modelos que levan á pobreza estrutural mentres se promove unha axenda de apertura internacional é unha contradición difícil de explicar. Non se pode estar a favor da cooperación global e, ao mesmo tempo, cuestionar os seus fundamentos básicos. Non se pode falar de oportunidades mentres se sosteñen discursos que, levados á práctica, reducen a competitividade e afastan o investimento.

Galicia precisa ambición, si, pero tamén realismo. Precisa liderados capaces de entender que o futuro pasa por integrarse con intelixencia no mundo, non por levantar barreiras ideolóxicas nin por reproducir esquemas do pasado. As viaxes institucionais poden ser útiles, pero non substitúen a necesidade de ter un proxecto sólido, coherente e viable.

En política, como na vida, non abonda con cambiar o escenario. Hai que cambiar tamén o fondo. E iso é, precisamente, o que hoxe segue pendente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios