Néstor Rego Candamil exixe ao Goberno garantir prezos xustos nos aparcamentos dos aeroportos e adoptar medidas que eviten o colapso das infraestruturas.
O Bloque Nacionalista Galego demanda a AENA unha actuación inmediata para garantir un servizo digno nos aeroportos galegos ante o fechamento temporal do Aeroporto Rosalía de Castro, previsto desde o 23 de abril e durante 35 días, que provocará a derivación de voos cara ao Aeroporto da Coruña (Alvedro) e ao Aeroporto de Vigo (Peinador).
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, reclama a AENA explicarcon transparencia o plan deseñado para facer frente a esta situación extraordinaria e, sobre todo, que adopte medidas reais para evitar o colapso das infraestruturas e garantir os dereitos das persoas usuarias.
Rego sinala que AENA prevé incrementar en 70% as operacións en Alvedro, até alcanzar 856 voos, “sen que exista unha planificación clara nin garantías de reforzo suficiente de persoal, medios técnicos e servizos”. Neste sentido, o BNG exixe un aumento inmediato da dotación en ambos aeroportos, tanto na Coruña como en Vigo, para facer frente ao incremento da demanda.
Especialmente grave resulta, segundo explica o deputado nacionalista, a situación das torres de control privatizadas, tanto na Coruña como en Vigo, onde o persoal controlador mantén unha folga indefinida “polas condicións laborais precarias, a falta de efectivos e os incumprimentos dos seus dereitos básicos”. O BNG reclama a AENA actuar de maneira urxente sobre as empresas concesionarias para garantir máis persoal, condicións dignas e a continuidade segura do servizo.
No relativo ao estacionamento en Alvedro, o deputado do BNG no Congreso alerta que a situación xa está a ser problemática antes mesmo do fechamento temporal do aeroporto compostelán. AENA habilitou un aparcadoiro provisional con 700 prazas adicionais, mais as persoas usuarias denuncian prezos abusivos e insuficiencia de espazo.
“O que AENA anunciou como unha solución está a converterse nun novo problema: tarifas que chegan a duplicar as do aparcadoiro da terminal e dificultades para encontrarpraza” critica Rego. Ante esta decisión, a organización nacionalista reclama regular de inmediato os prezos para evitar abusos e que se garantan tarifas realmente máis económicas, tal e como fora anunciado.
Así mesmo, o deputado nacionalista demanda a RENFE reforzar as conexións ferroviarias ante o esgotamento das prazas “que xa se están a producir na actualidade” ante o fechamento do aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro.