O portavoz, Antonio Ameijide, subliña que “a sentenza do TSXG dá a razón ás reiteradas reclamacións realizadas tanto polos veciños e veciñas como pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o Concello e o propio Partido Popular” que ten advertido da sucesión de escusas e “manobras de PSOE e BNG para dilatar a súa apertura” por “capricho político”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular levarán ao vindeiro Pleno da Deputación de Lugo unha iniciativa para esixir ao goberno provincial de PSOE e BNG “o cumprimento inmediato da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga á institución a abrir e poñer en funcionamento a residencia e centro de día comarcal de Becerreá, dando cumprimento ás obrigas recollidas no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello”.
“A recente sentenza do TSXG dá a razón ás reiteradas reclamacións realizadas tanto polos veciños e veciñas como pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o Concello e o propio Partido Popular”, segundo sinala o portavoz, Antonio Ameijide, que ten advertido da sucesión de escusas e “manobras de PSOE e BNG para dilatar a súa apertura” por “capricho político”. A xustiza considera probada a inactividade da Deputación e o fallo xudicial é especialmente contundente ao cualificar as actuacións do goberno provincial como “actos de trámite insignificantes ou dilatorios” que non cumpren coa finalidade do convenio asinado.
Ante esta situación, os populares instarán ao Pleno a acordar tres medidas clave. En primeiro lugar, acatar a sentenza e cumprir de maneira inmediata coas obrigas recollidas no convenio de colaboración e na súa addenda, garantindo a apertura efectiva do centro. En segundo lugar, non presentar recurso contra a resolución xudicial para evitar seguir atrasando un servizo esencial e impedir un posible incremento do gasto público en custas xudiciais. E, en terceiro lugar, cumprir cos convenios asinados con outros Concellos coma Folgoso do Courel, Portomarín…para evitar novos incumprimentos e posibles condenas xudiciais.
Os populares lembran que esta infraestrutura leva case unha década de atraso -dende o acordo entre o PP, o PSOE e o deputado non adscrito no 2016 para a aprobación do orzamento provincial desa anualidade e o posterior acordo plenario sobre residencias a instancias do Grupo Popular- e máis de catro anos rematada, “sen que a Deputación dera pasos efectivos para a súa posta en marcha”. Unha situación que cualifican de “inaceptable” ao estar privando aos veciños e veciñas da comarca de 96 prazas residenciais e 40 de centro de día, así como da creación de máis de medio cento de postos de traballo.
O convenio establecía que, no caso de producirse baixas na licitación, a Deputación de Lugo estaba obrigada a aplicar os remanentes, entre outros fins, a equipar, co mobiliario esixido pola normativa aplicable, o centro de día e residencia. Pero a pesar de producirse un remanente á baixa da adxudicación de 1.318.7981,98€, continúa sen dispoñer de mobiliario e sen prestar os servizos para os que foi proxectada.
PRIVATIZACIÓN E ENCARECEMENTO DO SERVIZO
O Grupo Provincial Popular tamén advirte de que o goberno provincial “cambiou varias veces de opinión: chegaron a dicir que non se adaptaba ao modelo da Deputación, pasaron a prometer a súa apertura e logo aprobaron a súa proposta de actividade económica e réxime xurídico apostando pola privatización do servizo e por un incremento do 60% do prezo das prazas con respecto aos outros centros da rede provincial para os que, recentemente, tamén aprobaron esta mesma suba co voto en contra do PP.
Tanto os veciños e veciñas coma os representantes do Partido Popular presentaron alegacións á proposta de privatización do servizo e incremento do prezo das prazas que foron desestimadas polo goberno provincial.
Recentemente, a Deputación de Lugo publicaba na Plataforma de Contratación del Sector Público a consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos “co que seguir dilatando o procedemento para a súa apertura, pero sen poñer data”.
O Grupo Provincial Popular reafirma o seu compromiso coa defensa da apertura do centro de día e residencial comarcal de Becerreá e asegura que continuará esixindo responsabilidade política ao goberno provincial ata que a residencia de Becerreá sexa unha realidade ao servizo da cidadanía.