O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Educación, Iria Buide e a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiron esta mañá á xornada especial organizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas en Lugo. O evento, celebrado no Auditorio do Vello Cárcere, volve a Lugo despois «dunha fructífera colaboración» o ano pasado na celebración do 30º aniversario desta iniciativa.
Durante a xornada, destacouse a importancia da radio escolar como ferramenta educativa e o seu papel fundamental na preservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A iniciativa forma parte da maratón radiofónica que se está a desenvolver de maneira simultánea en distintos puntos de Galicia e Portugal, coa participación de 250 persoas entre alumnado e profesorado só en Lugo.
A edición deste ano conta con 86 centros educativos de 50 concellos de Galiza e Portugal participando nunha nova xornada radiovisual interescolar. A programación do “radiovisual” contempla unha grande variedade de formatos e de guións radiovisuais que os diferentes centros preparan para a súa realización en directo: entrevistas, actuacións, performances, magacines, intervencións literarias, teatro, danza… A participación de persoas e comunidades portadoras do patrimonio vai ser outra das principais intervencións na programación, transmitindo os seus saberes e facendo demostracións in situ.