A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu esta mañá na Casa do Concello ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, nun encontro de traballo no que repasaron os principais proxectos que o Goberno galego está a desenvolver na cidade e analizaron novas vías de colaboración para seguir avanzando en cuestións de interese para os lucenses.
Durante a reunión abordáronse diferentes actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia en Lugo, así como aqueles asuntos nos que resulta fundamental a cooperación entre ambas institucións para axilizar trámites e ofrecer respostas eficaces ás necesidades da cidadanía.
Entre os temas tratados ocupou un lugar destacado a política de vivenda. Neste sentido, realizouse un seguimento das promocións residenciais que a Xunta está a desenvolver na cidade, así como doutras iniciativas promovidas polo Goberno galego para facilitar o acceso dos lucenses a un fogar, como é a recente ampliación dos límites de ingresos para optar a estas vivendas.
O delegado da Xunta explicou que “actualmente a Administración autonómica ten en marcha proxectos para sumar máis de 600 vivendas de promoción pública en Lugo. Así, están en obras dous edificios en Garabolos -de 70 e 76 vivendas-, e licitada a construcción doutros 152 fogares na mesma zona e de 59 en Paradai. Estanse redactando tamén os proxectos para construír 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira, e 24 vivendas en Ángelo Colocci”.
A maiores, referíronse ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Sagrado Corazón, o primeiro dos que tramita a Xunta que acadou aprobación inicial. A Administración autonómica está a estudar as alegacións presentadas e prevé aprobalo definitivamente no último trimestre do ano.
Tanto Elena Candia como Alfonso Villares coincidiron na importancia de manter unha comunicación fluída e unha coordinación permanente entre as dúas administracións para garantir o avance dos proxectos estratéxicos para Lugo.
Con este obxectivo, acordouse establecer reunións periódicas de seguimento que permitan avaliar a evolución das distintas actuacións en marcha, detectar posibles necesidades de colaboración e impulsar novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da cidade.
Tanto a alcaldesa como o delegado da Xunta destacaron a importancia de traballar desde a lealdade institucional e a cooperación entre administracións para aproveitar todas as oportunidades de investimento e mellora de servizos que redunden no benestar dos lucenses.