O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Vimianzo no Xantar dos Maiores, unha das citas sociais máis destacadas do municipio e da comarca, que volveu reunir a centos de persoas maiores do municipio nunha xornada de convivencia, recoñecemento e celebración.
Formoso acompañou á alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, xunto cos membros da corporación municipal, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o subdelegado, Julio Abalde, cos que compartiu mesa e mantel e conversou coas persoas asistentes. O acto desenvolveuse no pavillón municipal, que acolleu unha ampla programación con misa, xantar popular, música e diferentes actividades ao longo da xornada.
Durante a súa intervención, o presidente provincial puxo en valor o papel das persoas maiores na sociedade. “Sodes a memoria viva dos nosos concellos, as persoas que construístes co voso esforzo o que hoxe somos, por iso temos unha débeda de gratitude convosco e o compromiso firme de seguir traballando para garantir o voso benestar e calidade de vida”, sinalou.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo agradeceu a presencia do presidente neste tradicional encontro anual e o apoio continuo da Deputación para mellorar infraestruturas e servizos no municipio.