O PSOE de Rianxo quere trasladar o seu apoio ás veciñas e veciños de Abuín, que levan anos agardando por unhas actuacións comprometidas polo goberno municipal e que, malia as reiteradas promesas realizadas dende 2023, continúan sen executarse.
Os socialistas lamentan a fonda decepción e a perda de confianza que esta situación está xerando entre a veciñanza, cansada de escoitar anuncios que nunca chegan a materializarse. “Non se pode xogar coa paciencia dos veciños nin alimentar expectativas durante anos para logo deixar todo paralizado”, sinalan.
A día de hoxe, Abuín segue pendente tanto do asfaltado comprometido como da instalación de puntos de luz necesarios para mellorar a seguridade e a calidade de vida da zona. Unha realidade que consideran inxusta para unha parroquia que leva tempo reclamando atención e respostas.
Dende o PSOE de Rianxo solicitan que no vindeiro mes esta situación poida quedar resolta, executando tanto o asfaltado como os puntos de luz comprometidos, e rematando así cunha espera excesivamente prolongada.
Do mesmo xeito, demandan ao goberno municipal que faga público de inmediato cal será finalmente o tramo de Abuín incluído nesta actuación, para que a veciñanza saiba con claridade se as súas peticións foron atendidas ou volverán quedar fóra unha vez máis.
Cómpre lembrar que hai residentes que chegaron a presentar a mesma solicitude por rexistro ata en catro ocasións, sen obter ata o momento unha resposta clara nin definitiva.
“Os veciños merecen respecto, información e feitos. Quen leva anos prometendo actuacións e non cumpre, perde credibilidade. É momento de pasar das palabras aos feitos. Que este goberno sexan poucos, non quere dicir que Rianxo deba ser menos.”