Pulo imparable de Stop Biogás A Laracha contra a macroplanta de Soandres

A plataforma cidadá STOP BIOGÁS A LARACHA continúa avanzando na súa actividade social, institucional e divulgativa desde a súa recente constitución, co obxectivo de lograr a paralización do proxecto de planta de biogás previsto na parroquia de Soandres.

Nas últimas semanas, a plataforma intensificou a súa presenza tanto no ámbito institucional como no tecido social da comarca, logrando ampliar apoios e situar o debate sobre este tipo de instalacións na axenda pública.

Presenza no Parlamento de Galicia

Unha das accións máis relevantes foi a asistencia ao Parlamento de Galicia, convidados polo Grupo Socialista, onde representantes da plataforma presenciaron a reunión da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.

Durante a sesión, o Grupo Socialista, a través das deputadas Patricia Iglesias e Lara Méndez, presentou unha proposición non de lei orientada a impulsar medidas como:

  • Garantir un proceso real e efectivo de información e participación pública.
  • Esixir un informe independente sobre os efectos medioambientais e na saúde.
  • Aprobar unha regulación autonómica específica.
  • Impulsar un plan galego de xestión deste tipo de instalacións.

Así mesmo, o BNG presentou unha emenda para a paralización cautelar do proxecto de Soandres.

A proposta foi finalmente rexeitada tras unha votación con 9 votos en contra do Grupo Popular e 8 a favor do PSOE e o BNG.

Desde a plataforma sinalan que “as palabras teñen que vir acompañadas de feitos” e reiteran o seu carácter apartidista, subliñando que o seu único obxectivo é defender o interese da veciñanza e do territorio, á marxe de calquera formación política.

Crecemento do apoio social

Paralelamente, STOP BIOGÁS A LARACHA desenvolveu un intenso labor de concienciación e contacto directo coa cidadanía, participando en distintos eventos comarcais.

A plataforma estivo presente na feira de Carballo, así como na Travesía do Xalo, onde recibiu o apoio explícito de entidades organizadoras como Castelo Deporte e Castelo Conta, así como do Concello de Culleredo e do propio Touriñán.

Especial relevancia tivo tamén a xornada de billarda celebrada en Soandres no campo de Vista Alegre con equipos de toda Galicia e a posterior reunión de veciños e familias no entorno onde se prevé proxectar a planta. Durante o encontro realizáronse accións simbólicas de apoio, incluíndo a gravación de vídeos reivindicativos e a interpretación dunha canción colectiva en defensa do territorio, na que participaron mesmo os máis cativos.

Vindeiras accións: información e mobilización

Como parte da súa estratexia informativa, a plataforma organizará unha charla aberta dirixida á cidadanía:

Lugar: Mosteiro de San Pedro de Soandres  

Data: 2 de maio

 Hora: 17:00

Nela participarán o pneumólogo Evaristo Lombardero, que abordará os posibles efectos sobre a saúde, e a gandeira Diana Fernández (As Somozas), que achegará a súa experiencia directa con este tipo de instalacións.

Así mesmo, a plataforma convocou unha manifestación cidadá:

Data: 9 de maio

 Lugar: A Laracha

 Hora: 12:00

Convidamos a tódolos grupos políticos da Laracha a acompañarnos ámbolos dous días.

STOP BIOGÁS A LARACHA considera que a implicación social é clave nun momento no que o proxecto continúa en tramitación administrativa, e insiste na necesidade da súa paralización definitiva na localización prevista.

A plataforma conclúe reafirmando o seu compromiso coa defensa do territorio, a saúde pública e un modelo de desenvolvemento que respecte ás comunidades rurais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios