UCIN Galicia alerta do risco vital nas emerxencias: “A seguridade non pode depender dun só bombeiro”

UCIN Galicia manifesta o seu firme apoio ás reivindicacións dos profesionais dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) tras as denuncias públicas sobre a falta de efectivos, peches de servizos e precariedade operativa en distintos puntos do territorio galego.

A formación considera “extremadamente grave” a situación actual, na que, segundo denuncian os propios traballadores, existen quendas cubertas por un único efectivo, instalacións pechadas ou con limitacións horarias, e unha evidente falta de medios para garantir unha resposta rápida e eficaz ante emerxencias.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, foi contundente: “Estamos ante un problema de primeira orde que afecta directamente á seguridade da cidadanía. Non se pode permitir que haxa concellos onde a resposta ante unhaemerxencia dependa dun só bombeiro. Iso non é eficiencia, é abandono institucional.”

Desde UCIN Galicia critican a xestión da Xunta de Galicia nesta materia, á que acusan de “incumprir promesas reiteradas” e de “deixar nun segundo plano aos pequenos e medianos concellos”, que dependen en gran medida destes servizos.

“A Xunta leva anos prometendo reforzos que non chegan. Mentres tanto, os profesionais dos GES traballan en condicións límite e a cidadanía queda desprotexida. A seguridade non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito garantido”, engadiu Calo.

A formación reclama:

  • O reforzo inmediato dos cadros de persoal dos GES
  • A cobertura de todas as quendas con equipos completos
  • A reapertura dos servizos pechados e a ampliación de horarios
  • Un plan urxente de investimento en medios materiais e infraestruturas

UCIN Galicia conclúe facendo un chamamento á responsabilidade institucional e esixindo medidas urxentes: «Non imos mirar para outro lado. Galicia merece uns servizos de emerxencias dignos, con garantías e á altura das necesidades reais da poboación.”

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios