Amigas das árbores. “SOS polo último corredor ecolóxico das Lagoas en Ourense”

A plataforma «Amigas das árbores» e veciños da contorna da rúa Noriega Varela lanzan un grito de auxilio URXENTE para salvar os últimos exemplares do corredor ecolóxico creado polo Sr. Arturo Díaz. Este espazo, que funciona como pantalla vexetal e pulmón verde paralelo ás vías do tren no Barrio das Lagoas, está en perigo inminente de desaparición total.

Nos últimos cinco anos, ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) levou a cabo unha política de «terra queimada» que acabou con decenas de exemplares de amendoeiras, oliveiras, sabugueiros, abetos e salgueiros, entre outras moitas especies. A esta talla masiva súmase o entubado do regueiro local, unha actuación que eliminou o refuxio de fauna autóctona, incluída unha colonia de sapiño comadrón (especie protexida) e diversas aves que usaban o corredor como zona de cría.

A denuncia céntrase hoxe na situación de perigo de un dos últimos abetos que quedan en pé. Tras unha poda agresiva que deixou á árbore ferida de morte de forma intencionada, os veciños temen que mañá mesmo se proceda á súa talla definitiva polo pé, culminando así o que cualifican como un «arboricidio no corazón da cidade».

Ante esta situación, os veciños e colectivos solicitan:

  1. Paralización inmediata de calquera actuación de corta na rúa Noriega Varela.
  2. Intervención do Concello de Ourense e da Concellería de Medio Ambiente para protexer este ecosistema único.
  3. Un plan de xestión axeitado que recoñeza este espazo como corredor ecolóxico e pantalla acústica e visual entre o ferrocarril e as vivendas.

«Non podemos permitir que se elimine o último refuxio de biodiversidade urbana nesta zona por unha xestión de infraestruturas que ignora o patrimonio natural e o benestar dos veciños», sinalan dende o colectivo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios