José Luis Calo. “Municipalismo ou parálise: Galicia merece política útil”

Coordinador de UCIN Galicia

Mentres as grandes estruturas partidistas se perden en debates estériles e estratexias de despacho, a realidade fóra desas catro paredes segue a ser teimuda: envellecemento galopante, unha precariedade laboral que asfixia e uns servizos públicos que, lonxe de fortalecerse, mostran fendas cada vez máis preocupantes.

Dende a Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia, temos unha certeza. As solucións aos problemas estruturais do noso país non van vir de quen mira o territorio dende a distancia. É o momento de reivindicar o municipalismo como a ferramenta máis eficaz. Non é unha teoría; é política pegada á terra, esa que se fai mirando aos ollos á xente e atendendo ás necesidades reais, non ás consignas de partido.

Non podemos permitirnos o luxo de seguir adiando o urxente. A nosa atención primaria está ao límite, e non se soluciona con parches, senón con recursos e vontade. O mesmo sucede co sistema educativo, afogado nunha burocracia que asfixia aos docentes e resta calidade aos alumnos.

Pero, sobre todo, Galicia desángrase pola fuga de talento. ¿Ata cando imos permitir que a nosa mocidade teña que marchar fóra para atopar o que aquí se lles nega? Sen emprego de calidade, sen acceso á vivenda e sen unha igualdade territorial que deixe de tratar ao rural como unha Galicia de segunda, non haberá futuro posible.

Os concellos son a primeira liña de combate. Son o lugar onde o veciño vai buscar solucións cando a administración autonómica ou estatal lle dá as costas. Por iso, dende UCIN defendemos unha xestión eficaz e independente, afastada das dinámicas tóxicas que priorizan as siglas sobre as persoas.

Pero non nos conformamos con mirar dende a barreira municipal. O obxectivo de UCIN Galicia é levar esta visión ao Parlamento de Galicia. É necesario trasladar esa voz independente e municipalista á política autonómica para garantir que as decisións se tomen pensando no ben común.

Galicia non necesita máis promesas baleiras; necesita un proxecto de futuro que entenda que, se os concellos funcionan, Galicia avanza. O motor do cambio xa está en marcha. É hora de confiar na política que si nos entende.

Comparte éste artículo
No hay comentarios