O verán xa ten plan en Tomiño: unha ampla proposta pensada para que a infancia e mocidade medre entre deporte, creatividade e convivencia mentres as familias contan cun apoio real para a conciliación. O Concello abrirá a vindeira semana o prazo de inscrición do Concilia Verán’26, un programa que reúne 16 actividades de verán entre campus deportivos, campamentos urbanos e propostas culturais.
O prazo de inscrición abrirase o mércores 6 de maio ás 08.00 horas e permanecerá activo ata o 31 de maio ás 23.59 horas, con tramitación a través da web municipal. A oferta abrangue oito campus deportivos e dous campamentos (urbano e musical), ademais de propostas como campus tecnolóxico, de arte e costura e outras actividades de lecer, que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto en diferentes horarios e localizacións.
A programación inclúe disciplinas como piragüismo, acrobacias, pádel, balonmán, paddle surf, fútbol, voleibol, atletismo, tai chi, tenis, kung fu e patinaxe, cunha ampla variedade adaptada a distintas idades e intereses.
O Concello establece ademais un sistema de bonificacións para favorecer a inclusión e a igualdade de acceso. As persoas derivadas do departamento de Benestar Social poderán acceder cunha bonificación do 50% ou de xeito gratuíto, segundo o caso. As familias con irmáns empadroados que participen na mesma actividade contarán cun desconto adicional de 5 euros por neno ou nena. Pola súa banda, as persoas voluntarias do Concello e os membros do Consello de Infancia e Adolescencia Voces Novas disporán tamén dunha bonificación do 50% en todas as actividades.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou o papel deste programa como ferramenta de apoio ás familias. “Non falamos só de actividades de verán, senón dun servizo que facilita a vida diaria das familias e garante que todos os nenos e nenas teñan oportunidades de desfrutar, aprender e convivir nun entorno seguro”, explicou.
A rexedora puxo tamén en valor a dimensión social do programa, xa que “dende o Concello non queremos que ningún neno ou nena quede fóra por cuestións económicas e que o verán sexa un espazo de igualdade real, onde cada rapaz e rapaza poida vivir experiencias enriquecedoras”.
Para máis información, as familias poden contactar co teléfono 604 062 369, no correo electrónico omix@tomino.gal ou consultar a web municipal www.tomino.gal.