O catedrático da Universidade da Coruña será co-editor xefe de “Mathematics and Computers in Simulation”, unha publicación de referencia en modelización e simulación científica editada por Elsevier.
O investigador do CITIC da Universidade da Coruña e catedrático de Matemática Aplicada do Departamento de Matemáticas, Carlos Vázquez Cendón, foi nomeado co-editor xefe da revista científica “Mathematics and Computers in Simulation”, editada por Elsevier.
Trátase dunha das revistas internacionais de referencia no ámbito da modelización matemática, a simulación e a computación científica, cunha longa traxectoria e un alto impacto na comunidade investigadora. Actualmente ocupa o posto 3 dun total de 344 revistas indexadas na área de Matemática Aplicada, segundo o Journal Citation Reports.
En 2025, a revista recibiu máis de 4.000 artigos, cunha taxa de aceptación aproximada do 10%, o que reflicte o seu elevado nivel de esixencia científica e o seu carácter altamente selectivo.
A proposta de nomeamento foi realizada por un comité específico da International Association for Mathematics and Computers in Simulation(IMACS) e, posteriormente, aceptada por Elsevier en base ao currículo do profesor. Ata o de agora, Carlos Vázquez Cendón formaba parte do equipo editorial como un dos máis de 80 editores asociados, integrado por investigadores de prestixio internacional de todo o mundo.
Entre as funcións do co-editor xefe atópanse a recepción, coordinación easignación de manuscritos aos editores asociados para o proceso de avaliación, así como a toma de decisións finais sobre a aceptación dos artigos.
Na actualidade, o investigador do CITIC da UDC tamén é editor xefe da revista SeMA Journal, publicada por Springer, e é editor asociado doutras revistas científicas de referencia como Applied Mathematics and Computation, International Journal on Computer Methods e Journal of ComputationalFinance.
Máis aló do recoñecemento que supón este nomeamento, o investigador destaca a responsabilidade que conleva “dadas as funcións asociadas a este posto nunha revista científica seria e de moi alto impacto”. Vázquez Cendón indica que “as tarefas a desempeñar son adicionais ás da docencia, investigación e xestión dentro da universidade, pero alégrame que poidaaxudar aos indicadores de internacionalización do grupo, do CITIC e da UDC”. “A maioría de colegas de profesión e área valoran moi positivamente este tipo de nomeamentos e responsabilidades”, subliña.
A súa traxectoria investigadora no ámbito da matemática aplicada deu lugar a máis de 150 artigos, dos cales máis de 140 son publicacións JCR, e impartiumáis de 50 conferencias convidadas en congresos internacionais. Ademais, dirixiu 23 teses doutorais e un bo número de traballos fin de máster nos másteres interuniversitarios nos que participa. Parte da súa investigación desenvolveuse no marco de contratos de transferencia con empresas e administracións, e outra parte dentro de proxectos internacionais.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súainvestigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).