Paula Prado reivindica as xornadas de “formación” e de “diálogo” en política fronte aos partidos que optan polo “conflito” e o “ruído”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe as xornadas de “formación, diálogo, debate e aprendizaxe” en política, fronte aos partidos que “optan polo conflito e o ruído”. Así o sinalou durante a inauguración do I Torneo de Debate da Fundación Alfredo Brañas, na que tamén participou o presidente da Fundación e deputado nacional, Juan Bayón. Agradeceu á Fundación o seu traballo por manter viva a figura de Alfredo Brañas e sinalou este tipo de encontros como “fundamentais para traballar por Galicia” e facelo da man da xuventude.

Neste sentido, Prado puxo en valor á mocidade e o seu “compromiso con Galicia, a súa xente e o seu futuro”. “O PPdeG pon a xente moza no centro, porque somos o partido do ‘si’ e o que máis se parece a maioría de galegos e galegas e a súa xuventude”, engadiu ante a forma de facer política do PSOE e BNG: “Eles prefiren promover o odio, radicalizar e levar o ‘non’ e o desgoberno por bandeira”.

A número dous dos populares galegos tamén enxalzou o papel das Novas Xeracións, a organización máis importante de Galicia, composta por “mozos e mozas capaces de gobernar o seu futuro”, sen deixar que ninguén lles diga como teñen que pensar e actuar, “con liberdade e reivindicándoa todos os días”. Prado animou aos participantes a seguir coa mesma forza traballando pola Galicia Calidade, “o futuro e, como fixo Alfredo Brañas, para que a nosa terra e a nosa voz sexa escoitada no resto de España”, fronte a un centralismo que busca diluíla e un independentismo que pretende encerrala.

“A PALABRA QUE TRANSFORMA”

A Fundación Alfredo Brañas, que leva o nome do escritor e político galego, nace para reivindicar os valores do diálogo e  a reflexión. Así, 12 equipos de toda Galicia reuníronse, baixo o lema “A palabra que transforma”, en Santiago de Compostela para abordar a cuestión da transmisión de ideas políticas na educación pública.

O presidente da Fundación e deputado nacional, Juan Bayón, agradeceu a participación de todos os equipos e, parafraseando a Manuel Fraga, lembrou que “as sociedades necesitan profetas e indubidablemente Brañas foi un deles, con visión longa e actitude heroica, entre as incomprensións duns e doutros”.

A través deste torneo, a Fundación continúa o seu labor de recuperar e proxectar a figura de Alfredo Brañas como “referente intelectual do pensamento galego, apostando polo diálogo e a cultura do debate como ferramentas fundamentais para a cidadanía”, remarcou Bayón.

UNHA CITA QUE SE PROLONGARÁ ATA A TARDE

Tras a inauguración do I Torneo de Debate, a xornada matinal transcorreu coa celebración dos debates entre os participantes. Xa pola tarde celebrase a semifinal e a final do debate para dar conta do equipo gañador do evento.

A clausura da cita correrá a cargo da presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e do responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez. Ao longo do día, os equipos foron avaliados polo grupo de xuíces, conformado por técnicos e por políticos. Entre estes últimos atopábase o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, e outros deputados autonómicos e nacionais como Roberto Rodríguez, Rosa Quintana e Tristana Moraleja.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios