A Deputación de Pontevedra impulsa a igualdade na provincia con premios aos proxectos máis transformadores

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a terceira edición dos Premios de Boas Prácticas en Igualdade, cos que busca distinguir a persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen como boas prácticas en igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. Estes galardóns repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social, e poden presentarse candidaturas desde este mércores, 6 de maio, ata o próximo 1 de outubro.

A través dos III Premios Boas Prácticas en Igualdade recoñeceranse entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen actividades ou proxectos sobre a igualdade de xénero ou a erradicación da violencia de xénero; a persoas físicas ou entidades culturais sen ánimo de lucro pola súa actividade a través de actuacións artísticas, teatrais, musicais, literarias para a consecución da igualdade de oportunidades de mulleres e homes; a persoas físicas ou entidades deportivas que fomenten a práctica deportiva en condicións de igualdade entre nenas e nenos ou entre persoas adultas, para romper cos estereotipos de xénero existentes e contribuír a erradicar a violencia de xénero no deporte; e a centros públicos de educación que teñan incorporado no seu proxecto educativo a igualdade de oportunidades ou asociacións de pais e nais de alumnado que realice nos centros educativos actuacións dirixidas tanto ao alumnado coma ao profesorado e ás familias, co fin de fomentar a igualdade de xénero.  Ademais haberá catro mencións honoríficas a persoas físicas, entidades locais, entidades sociais e organismos públicos que desenvolvan unha traxectoria inapelable a prol da igualdade entre mulleres e homes.

Poderán concorrer a estes premios as persoas físicas, entidades, centros educativos e asociacións de nais e pais de alumnado da provincia de Pontevedra e as candidaturas deben presentarse a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra entre o 6 de maio e o 1 de outubro. As bases dos galardóns, que recollen máis polo miúdo os requisitos, documentación precisa e outros detalles, poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Comparte éste artículo
No hay comentarios