Expertos en Dereito Administrativo de España e Iberoamérica debaten en Mariñán sobre o impacto da IA

José Ramón Rioboo inaugurou no Pazo de Mariñán as XVII Xornadas Profesor Meilán Gil de Dereito Administrativo Iberoamericano.

O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán as XVII Xornadas Profesor Meilán Gil de Dereito Administrativo Iberoamericano, que nesta edición abordan o impacto das novas tecnoloxías no dereito administrativo baixo o título “Novas tecnoloxías e dereito administrativo: a encrucillada do século XXI”.

No acto de apertura, Rioboo deu a benvida ás persoas participantes chegadas de distintos países iberoamericanos e destacou o valor destas xornadas como “un espazo de encontro de referencia dentro do mundo hispano” e como unha comunidade de reflexión arredor do dereito administrativo “cunha mirada aberta e unha visión internacional”.

O deputado lembrou que as xornadas, hoxe coordinadas por Jaime Rodríguez-Arana,naceron da iniciativa do profesor Meilán Gil e que levan anos celebrándose no Pazo de Mariñán, consolidando este espazo como lugar de diálogo, reflexión e construción de ideas compartidas.

Rioboo sinalou que, aínda que cada país teña a súa propia realidade lexislativa e administrativa, existen retos que xa non entenden de fronteiras. Entre eles, destacou o impacto das novas tecnoloxías e, de maneira singular, da intelixencia artificial, “en todos os aspectos das nosas vidas” e tamén no ámbito do dereito administrativo.

“A intelixencia artificial xa non é algo do futuro: está entrando na nosa vida e vai cambiala radicalmente nos próximos anos”, afirmou o deputado, que advertiu de que este proceso obriga ás administracións e ao mundo xurídico a formular preguntas esenciais sobre transparencia, igualdade de trato, protección de dereitos e garantías públicas nun contexto de evolución tecnolóxica acelerada.

Neste sentido, Rioboo defendeu que o dereito administrativo debe desempeñar un papel clave “non para frear a innovación, senón para orientala, dotala de garantías e asegurar que a tecnoloxía estea sempre ao servizo das persoas”.

Durante a súa intervención, o deputado fixo referencia á creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, a AESIA, con sede na Coruña, como un paso relevante que sitúa Galicia nunha posición destacada no debate europeo sobre a regulación e supervisión da intelixencia artificial.

Segundo subliñou, a AESIA conecta directamente co espírito destas xornadas, ao compartir o obxectivo de anticipar, reflexionar e construír marcos comúns que permitan afrontar os desafíos tecnolóxicos “con rigor e responsabilidade”.

Rioboo incidiu tamén na responsabilidade das institucións públicas ante estas novas realidades. “Desde as administracións temos unha responsabilidade moi clara: intentar non chegar tarde. Porque cando a realidade avanza máis rápido que as normas, quen queda desprotexida é a cidadanía”, sinalou.

Por iso, afirmou que encontros como o que acolle estes días o Pazo de Mariñán son especialmente necesarios, xa que permiten compartir experiencias, anticipar problemas e construír respostas desde unha perspectiva iberoamericana.

O deputado concluíu a súa intervención cunha chamada a garantir que o avance tecnolóxico estea guiado por principios democráticos, xurídicos e humanos: “Se a tecnoloxía vai marcar o rumbo do século XXI, o dereito debe garantir que ese rumbo sexa xusto”.

As XVII Xornadas Profesor Meilán Gil de Dereito Administrativo Iberoamericano reúnen durante esta semana a especialistas, profesionais, docentes e investigadores do ámbito xurídico e institucional de diferentes países do mundo hispano para analizar os retos da dixitalización, a automatización administrativa e a intelixencia artificial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios