Ás 18.00 horas de hoxe, o grupo publica en Youtube unha peza de animación, realizada por Fernando Rivera Vinagre, que acompaña o lanzamento do álbum.
Descubre más noticias musicales como ésta
Lendaira, o primeiro álbum de Son Galaico, xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais. Aarón Pérez Pardiñas (voz e guitarra) e Hugo Sanjiao Varela (gaita e whistle) gravaron o disco coa produción de Iago Pico, produtor dos dous últimos discos de Tanxugueiras.
Lendaira é un disco conceptual de 10 cancións e 3 interludios no que cada corte é un capítulo dunha mesma historia: a viaxe dos dous músicos ata un mundo onde cobran vida os mitos e as lendas do folclore galego e celta. Breogán, sereas, meigas, mouros e lobishomes aparecen ao longo do relato, que mestura as tradicións galega, irlandesa, escocesa e bretoa co pop rock, o country e a electrónica.
No álbum participan o actor Carlos Blanco, que pon voz ao druída que abre o disco; o dúo humorístico Pepe y Lucas, nos interludios; as violinistas María Sánchez, Mira Wöllenstein e Iria Seoane; Migui Ocampo no bodhrán e as Cantareiras Aldomir.
Ademais, Lendaira pódese ver coma unha película: hoxe mesmo, ás 18.00 horas, o dúo grupo publicará na súa canle de Youtube unha peza de animación, realizada por Fernando Rivera Vinagre (Fer Vinagre), que percorre precisamente todas as súas andainas polas terras das lendas na mesma orde na que se pode escoitar o disco.
Presentación na Sala Capitol
A presentación en directo será o xoves 3 de decembro na Sala Capitol de Santiago, con apertura de portas ás 20:30 e inicio do concerto ás 21:00. As entradas para o evento xa están á venda en Ataquilla.com.
Son Galaico
Son Galaico naceu hai pouco máis dun ano, cando Aarón Pérez Pardiñas (Culleredo, A Coruña) regresou a Galicia tras unha etapa laboral fóra e se uniu a Hugo Sanjiao Varela (Santiago de Compostela). Os seus vídeos de folk gravados en paisaxes galegas suman hoxe máis de 100.000 seguidores en redes sociais, preto de 60.000 en Instagram e máis de 53.000 en TikTok, cun público maioritariamente novo. En maio esgotaron as entradas de dúas datas consecutivas na Casa das Crechas.