O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, levou esta mañá á sesión de control do Parlamento de Galicia a denuncia sobre o que cualificou como “uso partidista dos recursos públicos por parte do goberno de Alfonso Rueda”. Besteiro interpelou ao presidente da Xunta sobre as garantías que pode ofrecer á cidadanía de que os cartos públicos se xestionan en función do interese xeral “e non como instrumento de influencia política”.
A cuestión de fondo, formulou, é se “as e os galegos merecen os mesmos servizos públicos, vivan onde vivan e voten o que voten, ou se hai cidadáns de primeira e de segunda segundo a cor política”. A resposta, segundo o líder socialista, está nos números.
Dos máis de 206 millóns de euros asinados nos últimos anos en convenios directos polas consellerías de Política Social, Presidencia, Turismo, Cultura, Medio Ambiente, Educación ou Medio Rural, case o 80% acabou en concellos gobernados polo PP. E o desglose por departamentos, que amossou mediante gráficas, resulta aínda máis revelador: 64% en Medio Rural, 73% en Turismo, 79% en Política Social entre 2024 e 2025, 84% en Presidencia, 97% en Cultura e Vivenda, e 100% en Emprego e Medio Ambiente. “Se fose do PP xogaría a lotería. Tocábame fixo”, ironizou.
Besteiro relacionou ese reparto cun patrón de fondo: cargar aos concellos con competencias impropias e premiar despois aos afíns do partido, mentres se castiga a quen pensa e vota distinto. Citou como proxectos paralizados o Museo da Romanización en Lugo, un novo aparcadoiro gratuíto para o Hospital de Vigo ou o atraso na efectividade da zona tensionada da Coruña. “Cando vostedes e Vox falan de prioridade nacional están dicindo exactamente o mesmo que fan aquí: prioridade popular, primeiro nós, e despois o resto”, afirmou.
Lugo, a proba da forma de gobernar do PP
Besteiro sostivo que Rueda “usa as institucións e os cartos públicos para construír o seu poder político. E, a partir de aí, dá un paso máis: negocia e mercadea gobernos con diñeiro público. E o exemplo é Lugo”.
Lembrou que Lugo leva 27 anos gobernado con alcaldes e alcaldesas socialistas, e o que non conseguiron nas urnas o perseguen agora por outras vías, acusando ao partido de Rueda de preparar “un asalto ao goberno municipal que avergoña mesmo a parte do seu propio electorado”. “Tocaron a varios concelleiros e concelleiras, preguntáronlles que querían a cambio dos seus principios, e tiveron a sorte de que deron cunha persoa profundamente deshonesta”, denunciou.
Os propios estatutos do PP sancionan o uso de tránsfugas
Besteiro lembroulle a Rueda na réplica que o artigo 14 do réxime disciplinario dos estatutos do Partido Popular cualifica como infracción moi grave que membros dun grupo institucional do partido “utilicen o se valgan de tránsfugas de otros partidos para constituir o cambiar mayorías de gobierno en las instituciones públicas”. As sancións previstas para esta conduta van da suspensión de afiliación entre catro e seis anos, pasan pola inhabilitación para desempeñar cargos en representación do partido e chegan ata a expulsión, segundo recolle o propio articulado.
Besteiro preguntoulle a Rueda se abriu xa o expediente por estas graves infraccións en Lugo. “Se a resposta é non, entón estes estatutos e os seus principios van directamente ao lixo”, sostuvo.
Rematou a intervención afirmando que Galicia “xa recoñece que non ten un presidente. Ten a alguén que castiga, manipula e compra poder”.