Carme da Silva denuncia que o PP traizoa sistematicamente á Galiza: “terán que dar explicacións de por que aquí votan o contrario do que no noso País din defender”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a traizón sistemática do Partido Popular aos intereses dos galegos e galegas. No concreto, nun novo episodio, os populares negáronse a aceptar no Senado a proposta do BNG que fóra un acordo unánime do Parlamento de Galiza en defensa do sector pesqueiro galego. Carme da Silva sinala que o Partido Popular “terá que explicar na Galiza” por que no senado votan o contrario “do que din defender na Galiza”.
“Desde o porto de mar en Madrid van xestionar a pesca galega”
O marco financeiro proposto pola Comisión Europea xerou unha grande preocupación pola enorme redución dos fondos destinados á pesca, á agricultura e á gandería e pola suba exponencial do gasto militar. “O marco presentado é destrutivo para os sectores produtivos galegos e é algo co que o Partido Popular está a favor” sinala Carme da Silva, lembrando que tanto a presidencia da Comisión Europea como os comisarios de Pesca e Agricultura son cargos populares.
De levarse adiante este marco financeiro, alerta a senadora do BNG, o sector pesqueiro galego vai ser dos principais afectados “cunha redución drástica de 67%” dos fondos que perciben. “Unha redución que se suma á perda paulatina dos fondos FEMPA que xa reduciron 105 millóns de euros na anterior programación” denuncia.
O PPdeG traizoa o sector pesqueiro galego
Galiza é unha nación altamente dependente da pesca, lembra a senadora do BNG. Neste sentido, a organización nacionalista rexistrara unha proposta no Senado -apoiada pola unanimidade da cámara galega- para que se rexeitase o marco financeiro plurianual proposto pola Comisión Europea, reclamando que se inclúan fondos específicos para a pesca, e que aumentase a programación actual mentres que a xestión dos fondos sexa realizado polas Comunidades Autónomas: é dicir, pola Galiza.
Lamentabelmente, os populares negáronse a aceptar a proposta do BNG e Carme da Silva denunciou a dobre postura do PP que, no Senado, “traizoou o sector pesqueiro galego”.
“O Partido Popular non acepta no Senado un acordo unánime do Parlamento de Galiza. Non respectan os acordos unánimes en materia de pesca da cámara galego e iso significa traizoar sistematicamente á Galiza. Vergoña tiña que darlles aos senadores do PPdeG, sobre todo aos de designación autonómica, de ir contra de acordos unánimes do Parlamento de Galiza” espeta a senadora do BNG.