Héctor Quinteiro coróase por partida dobre nos campionatos de Galicia do Endurrazo

O rider sub-23 reinou no autonómico de bicicletas eléctricas e no de Enduro. Juana Vidal e Desirée Fernández dominaron a nivel absoluto entre as mulleres.

O BTT galego viviu unha fin de semana histórica nos montes do municipio pontevedrés de Moaña. No seu décimo aniversario, o Endurrazo ofreceu dous Campionatos de Galicia, o clásico de Enduro e a primeira edición do autonómico da mesma especialidade empregando a bicicleta eléctrica. Dous días de competición nos que se repartiron 23 camisolas de campioas e campións da nosa comunidade. 

Co club THC Bike como anfitrión, esta dobre cita contou con 180 participantes e o mesmo rider foi o mellor da nosa comunidade tanto nas Ebikes como nas bicis musculares. O sub-23 Héctor Quinteiro sumou dúas coroas ao seu palmarés unha semana despois de lograr o triunfo scratch no DH Molinos O Páramo, correspondente á Copa de España de Descenso. O corredor do Bici Verde-Bopapel fíxose o sábado co seu primeiro título no Morrazo demostrando a súa destreza na estrea do Campionato para bicicletas con asistencia ao pedaleo por medio dun motor eléctrico.

Despois de sete treitos cronometrados, o último deles disputado pola noite e en formato de carreira cara a cara, o ponteareán acadou a segunda posición na clasificación absoluta. O duelo pola vitoria resultou apaixonante ata o último metro e decidiuse por unha décima e media a prol do sub-23 madrileño Bruno Jiménez (Tr3ce Bike), que non optaba ao Campionato de Galicia por non ter licenza federativa da nosa comunidade. A terceira praza scratch obtívoa, a 24 segundos dos dous primeiros, o gañador máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko).  

A competición feminina de Ebikes dominouna a elite Juana Vidal (Moto Bike) por diante da máster-40 Tamara Santos (VK Bikes). Entre as dúas houbo 6 minutos e medio de diferenza. Pasada a medianoite tamén se vestiron os primeiros maillots autonómicos na historia deste Campionato o elite Alejandro Paz (Compostelano), o máster-40 Óscar Franco (VK Bikes), o máster-50 Miguel Ángel Pintos (VigoEnduroMTB), o máster-60 Carlos Mariño (Komanche) e o cadete Dani Fernández (VK Bikes). 

Máis emoción

O segundo asalto do Endurrazo, que comezou ás 8:30 horas do domingo, estivo marcado pola chuvia e, de novo, por unha igualdade máxima na pugna pola vitoria absoluta masculina. Os cinco treitos da proba de Enduro, con bicicleta muscular, percorréronos practicamente co mesmo tempo os dous riders máis rápidos. Separados por unicamente catro décimas, Héctor Quinteiro apuntouse o triunfo ante o elite Marco Veiga (CiclosQuintena) e certificou o seu ‘dobrete’ en territorio moañés. 

Outra emocionante batalla librouse pola terceira praza e, ao mesmo tempo, polo título máster-30. Mauro González (Salvaterra de Miño) retivo a camisola do seu grupo de idade por unha marxe inferior ás catro décimas respecto a Santos Lemos. Os dous finalizaron a 11 segundos do vencedor scratch. O top-5 pechouno o madrileño Bruno Jiménez. Entre os dez primeiros meteuse o novo campión júnior Mario Barreiro (Cerdedo Cotobade), noveno. No resto de categorías masculinas subiron ao máis alto do podio autonómico o infantil Roque Docampo (THC Bike), o cadete Kike Cerqueiro (VK Bikes), o máster-40 Fermín Leira (Pulpeiros), o máster-50 Marcos Araújo (Cedeira Bike) e o máster-60 Antonio Lago (X Bikes). 

A táboa feminina encabezouna a elite Desirée Fernández (Poio Bike) e a máster-40 Tamara Santos repetiu segunda praza, esta vez a 1’27» do primeiro posto. A terceira posición absoluta acadouna a júnior Sara Comesaña (THC Bike). O cadro de campioas de Galicia 2026 completárono a infantil Antía Barbosa (THC Bike) e a cadete Leira Mariño (Bici Verde-Bopapel).

Comparte éste artículo
No hay comentarios