Néstor Rego demanda do Goberno do Estado que reprobe unha actuación que provocou a modificación da composición da Sección Terceira da Sala do Contencioso do TSXG e reclama transparencia e garantías plenas no funcionamento da Administración de Xustiza.
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado a reprobación da intencionada alteración da composición das seccións terceira e cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), unha decisión que cualifica de “extraordinariamente grave”, provocada polas evidentes presións do PP ao servizo do lobby eólico, e alerta de que esta decisiónpode vulnerar o dereito fundamental ao xuíz predeterminado pola lei.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que esta actuación “constitúe unha manobra preocupante que visa comprometer a imparcialidade xudicial e alterar o sentido de resolucións en procedementos de enorme relevancia social e ambiental, como son os relacionados cos parques eólicos na Galiza”.
Segundo transcendeu publicamente, no mes de marzo a Presidencia do TSXG emitiu distintas resolucións polas que era modificada a composición da sección 3ª da Sala do Contencioso Administrativo e se acordaban os traslados forzosos de maxistrados/as, alegando a necesidade de preservar a aparencia de imparcialidade. Porén, o BNG cuestiona tanto a motivación como as formas, xa que estes cambios foron comunicados ás partes afectadas sen explicación detallada e en procesos en curso.
Rego advirte de que a alteración da composición é plenamente intencionada e afecta directamente a procedementos vinculados á impugnación de autorizacións de parques eólicos, moitos dos cales foran resoltos pola Sección Terceira cun criterio que mesmo levou á suspensión cautelar de proxectos. “Non se pode permitir que a presión política ou económica -quer do PP, quer do lobby eólico- derive en alteracións na composición dos órganos xudiciais” subliña o deputado nacionalista.
Ademais, o BNG considera especialmente grave que se poidan ter producido desviacións nas normas de reparto, como no caso dunha solicitude de suspensión cautelar que foi asignada á Sección Segunda cando, conforme as regras preestablecidas, debería corresponder á Terceira.
Neste contexto, a formación nacionalista lembra que o dereito ao xuíz predeterminado pola lei forma parte esencial do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva e que calquera interferencia neste ámbito pode vulnerar tamén estándares europeos en materia de independencia xudicial.
“O Goberno debe aclarar cal é a valoración sobre unha actuación que atenta directamente contra a independencia xudicial, reprobar uns feitos de manipulación premeditada da composición da sección, así como dar as instrucións precisas á Fiscalía para que, dentro das competencias que ten legalmente recoñecidas, exercite as accións necesarias para defender a independencia dos xuíces e tribunais, velar polo respecto das institucións constitucionais e dos dereitos fundamentais e liberdades públicas” finda Rego.