Nani García Trío con Virxilio Da Silva, Pablo Sanmamed, Hilario Rodeiro e Juzz protagonizarán un ciclo que se celebrará os días 10, 16, 23 e 31 deste mes de maio.
O Teatro Colón volverá converterse no escenario galego de referencia para os afeccionados do jazz contemporáneo cunha nova edición do Maio Jazz, organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Nani García Trío con Virxilio Da Silva, Pablo Sanmamed, Hilario Rodeiro e Juzz protagonizarán un ciclo que se celebrará os días 10, 16, 23 e 31 deste mes de maio.
Ao longo de catro noites, o público poderá gozar dunha programación «diversa e de calidade, cunha coidada selección de proxectos que exploran distintas linguaxes do jazz contemporáneo e das músicas de creación», destacou a deputada de Cultura, Natividade González.
«Un ano máis programamos o Maio Jazz cun elenco de artistas que ocuparán o mes de maio no Teatro Colón, consolidando este ciclo como unha cita de referencia para o público afeccionado ao jazz», abondou a responsábel de Cultura.
O cartel
O ciclo abrirase o 10 de maio co concerto de Nani García Trío con Virxilio Da Silva. O 16 de será a quenda de Pablo Sanmamed, que presentará ‘A estrela mostrada’. Xa o 23, Hilario Rodeiro levará ao escenario o espectáculo ‘Pausa’, pechando o ciclo a formación Juzz o día 31.
Os billetes para asistir ao ciclo xa están á venda, desde 4,5 euros, na plataforma ataquilla.com. Todos os concertos comezarán ás 20.00 horas.