O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse esta mañá en Pontecesures cunha representación do Comité de Empresa e do cadro de persoal da planta de Nestlé, para coñecer de primeira man a situación creada pola apertura do expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado pola multinacional, cuxa mesa de negociación se constitúe precisamente hoxe.
Besteiro reclamoulle á dirección da compañía “transparencia e información clara” sobre como pode afectar o proceso á planta cesureña, dado que a día de hoxe non hai datos concretos sobre a posible afectación deste centro produtivo. “Estamos ante unha planta de referencia mundial dentro do propio grupo Nestlé, que funciona desde 1939, que dá emprego a preto de 200 persoas e que produce toda a leite condensada que a multinacional vende en Europa, Oriente Medio e o norte de África”, subliñou.
O líder dos socialistas galegos defendeu que “o que está en xogo non é só un cadro de persoal, é o futuro industrial dunha comarca enteira” e advertiu de que calquera redución na actividade da fábrica tería un impacto directo non só sobre as familias de Pontecesures, senón tamén sobre Valga, Dodro e Padrón, e sobre o case un centenar de ganderías galegas que cada día lle entregan leite á planta.
Para Besteiro, é “incomprensible” que se plantexe un axuste deste tipo nun grupo que pechou 2025 cunha facturación récord de 2.894 millóns de euros en España. “Falamos dunha empresa que gaña diñeiro, que exporta máis do 70% do que produce nesta planta a máis de 50 países e que crece. Por iso pedimos que a negociación que comeza hoxe sexa real, que se exploren todas as alternativas posibles e que se reduza ao mínimo absoluto calquera afectación sobre o emprego, aquí e no resto de centros”, sinalou.
O dirixente socialista, que estivo acompañado polo deputado Aitor Bouza e o tenente alcalde de Pontecesures, Roque Araujo, trasladoulle ao Comité de Empresa o “respaldo total” do PSdeG durante todo o proceso e comprometeuse a poñer enriba da mesa do Parlamento de Galicia as iniciativas que sexan necesarias para defender a planta. “Defender a esta fábrica é defender a industria galega, é defender ao sector lácteo galego e é defender un modelo de emprego de calidade no rural. Niso imos estar, e niso imos seguir”, concluíu.
A planta concentra toda a produción de leite condensada da compañía
A planta de Pontecesures, en funcionamento desde 1939, é a única que Nestlé ten en Galicia e a segunda máis antiga do grupo en España. Concentra desde 1983 toda a produción de leite condensada da multinacional, cunha produción de arredor de 60.000 toneladas anuais que se exportan en máis dun 70% a unha cincuentena de países. Emprega a preto de 200 persoas, case a metade mulleres, e abastécese de leite fresco recollido directamente nun centenar de ganderías galegas situadas nun radio de 50 a 60 quilómetros.