O festival, recoñecido pola ONU como actividade oficial da Década dos Océanos, reforzará nesta edición o seu compromiso coa divulgación, o coidado dos mares, a identidade atlántica e accións xa emblemáticas como a Gran Limpeza de Fondos Mariños Mar de Mares-Signus.
O Festival Mar de Mares volverá este mes de xuño á cidade da Coruña para celebrar unha nova edición, a décimo terceira da súa traxectoria, baixo o lema “Cultura que nace do océano”. Unha declaración de intencións que resume o espírito desta cita multidisciplinar arredor do mar e que, coincidindo coa celebración do día dos océanos, dará o pistoletazo de saída a un encontro que poñerá o foco no océano como orixe de cultura, identidade, memoria e futuro.
Nesta nova edición, Mar de Mares volverá reivindicar a estreita relación da Coruña co Atlántico desde algúns dos espazos que mellor explican a súa identidade mariñeira, comercial e urbana. O mar non é só o horizonte que rodea a cidade, senón unha presenza diaria que atravesa os seus oficios, a súa gastronomía, a súa paisaxe e a memoria colectiva dunha Coruña construída arredor da auga. O festival reivindica tamén o mar como motor de creación artística e fonte de inspiración, e para iso organizou distintos encontros con artistas de diversas disciplinas que nos falarán da súa relación co océano.
Ao longo das súas doce edicións, o festival consolidouse como un espazo de encontro entre disciplinas, xeracións e públicos moi diversos. Arte, ciencia, educación, gastronomía, activismo, turismo azul, emprendemento e participación cidadá conviven nun programa que procura achegar a cultura oceánica á rúa e facer comprensible a importancia de coidar o mar desde unha mirada próxima, rigorosa e aberta.
Mar de Mares prepara unha edición que volverá activar distintos espazos da cidade e manter algunhas das súas liñas de traballo máis recoñecibles: a divulgación científica, a creación artística, o diálogo coa cidadanía, a posta en valor do produto mariño local e as accións de concienciación ambiental. Entre elas, a Gran Limpeza de Fondos Mariños Mar de Mares-Signus, unha das iniciativas máis representativas do festival, que ano tras ano reúne a mergulladores, voluntariado e entidades arredor dun mesmo obxectivo: retirar residuos do medio mariño e facer visible a responsabilidade colectiva no coidado dos océanos. Celebraremos tamén ou IV Foro Azul Mar de Mares, unha xornada para descubrir tódalas opcións de futuro da economía mariña, que terá lugar o 11 de xuño no Espazo Avenida de Abanca.
A décimo terceira edición chega tamén como unha oportunidade para lembrar o camiño percorrido por un festival que, desde a súa creación, traballou para situar A Coruña como cidade de referencia na reflexión contemporánea sobre o mar, conectando coñecemento científico, cultura, tradición mariñeira, educación ambiental e novas formas de relación co territorio. En 2026, Mar de Mares volverá mirar cara ao océano desde todo aquilo que nos devolve, coma historias, sons, oficios, alimentos, imaxes e preguntas porque protexer o mar é tamén coidar o lugar onde reside unha parte esencial da nosa cultura e da nosa memoria. A programación completa darase a coñecer nas vindeiras semanas.
Mar de Mares: máis dunha década achegando a cultura oceánica á cidadanía
Mar de Mares naceu co propósito de achegar a realidade dos océanos á cidadanía a través da cultura, o coñecemento e a participación. Desde A Coruña, unha cidade marcada pola súa relación co Atlántico, o festival propón cada ano unha mirada aberta ao mar: como ecosistema que debemos protexer, pero tamén como espazo de memoria, traballo, creación, alimento e identidade compartida.
Ese compromiso ten unha das súas expresións máis visibles na Gran Limpeza de Fondos Mariños Mar de Mares-Signus, que na pasada edición reuniu a 80 persoas entre mergulladores e colaboradores en terra, chegando a retirar arredor de dúas toneladas de residuos da dársena da Marina. Máis alá da cifra, a acción converteuse nun símbolo do que Mar de Mares defende desde a súa orixe: coñecer o océano, respectalo e actuar colectivamente para protexer aquilo que forma parte da identidade e da vida diaria da Coruña.
Un festival avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, sendo un dos eventos da Década dos Océanos da ONU, e colaborando con grandes referentes na divulgación como os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC. O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio de diversas institucións públicas como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén se nutre de apoio privado como son Vegalsa, Signus e Abanca, así como a colaboración de numerosas institucións que traballan no ámbito mariño.
Ao longo de doce edicións recibiu a máis de 320.000 visitantes, nas 461 actividades que organizou reuniu a 555 relatores e coas súas 1500 aparicións en medios chegou a unha audiencia de 200 millóns de persoas.Todo iso convérteo nunha cita de referencia para repensar a nosa relación co océano desde o territorio, a cultura e a acción colectiva.