A editorial Valín Libros presentará en Baralla e Lugo o próximo sábado, día 9, o libro Antonio Correa Fernández, O Mineiro, que leva por subtítulo Minas, ferrocarrís e outras estruturas mineiras en Lugo. A publicación deste libro enmárcase nunha homenaxe a Antonio Correa, un lucense emprendedor, con múltiples intereses, que xunto ao exercicio da medicina desenvolveu unha ampla actividade no campo da minería na provincia de Lugo.
Cando o que hoxe é Baralla era Neira de Xusá, Antonio Correa traballou intensamente no territorio deste concello nas súas investigacións relacionadas coa minería. Por elo, Valín Libros quixo que a primeira presentación do libro tivese lugar neste concello.
Día: 9 de maio
Hora:12.00
Lugar: Centro Sociocultural e Xuvenil do Concello de Baralla (Rúa Irmáns Díaz Moreno, 4).
Intervirán: Miguel González Piñeiro, alcalde de Baralla; Luis Emiliano Correa Fernández de Carrascosa, neto de Antonio Correa; Xosé Manuel Valín Barreiro, editor (Valín Libros) e libreiro.
Pola tarde levarase a cabo a presentación de Antonio Correa Fernández, O Mineiro, na capital lucense.
Día: 9 de maio
Hora: 20.00.
Lugar: Taberna cultural A Despensa do Saa (Rúa Salvador de Madariaga, 8).
Intervirá: Xosé Manuel Valín, editor (Valín Libros) e libreiro.
O libro inclúe a obra de Correa e José María Carracedo Vilanova Minas da provincia e ferrocarrís máis económicos para a súa explotación (1901). Incorpora estudos de Francisco L. Boluda Barreiro (Ourense, 1961), ilustrador, investigador, divulgador e escritor; Manuel A. Hernández Villarino (Ourense, 1960), informático e apaixonado do ferrocarril; Manuel Lara Coira (Ferrol, 1950), enxeñeiro industrial, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial; José Carlos Pardo Álvarez (A Pontenova-Lugo, 1976), responsable técnico da Oficina Turística da Pontenova; Xosé Manuel Valín Barreiro (San Salvador de Outeiro-Lugo, 1966), libreiro, escritor e editor.
Algúns datos sobre Antonio Correa
Antonio Correa Fernández nace en 1862, na casa de “Correa da Pena”, en Penarrubia (Baralla), fillo de Andrés Correa e Teresa Fernández, os cales morren sendo el un neno. Queda ao coidado do seu tío Antonio Correa, que era párroco de Furís (Castroverde). El preocúpase do seu ensino, pagándolle os estudos medios e universitarios. Antonio estuda o bacharelato en Lugo e licénciase en Medicina en Santiago en 1888. Comeza a exercer como médico rural en Furís (Castroverde), en 1889. En Madrid acaba o doutoramento, coa tese Hospitalización dos tísicos ou tuberculosos pulmonares, publicada en1891. Tras exercer como médico en Furís (Castroverde), instálase en Lugo. Hai constancia de que en 1899 pasa consulta en Lugo e atende de modo gratuíto aos máis desfavorecidos economicamente.
En 1906 é nomeado Subdelegado de Medicina no partido xudicial de Lugo, pero non era a medicina o seu único interese; unha das súas grandes afeccións foi a minería, o que o leva a dedicarse a buscar minas pola provincia, sobre todo en Neira de Xusá, hoxe Baralla. Rexistrou máis de 40, segundo os documentos que a familia cedeu para estudar este apartado da súa vida, que lle deu máis desgustos, segundo parece, que beneficios, ata o punto de que, con ela, arruinouse.
Publicou, xunto a José María Carracedo Vilanova, Minas da provincia e ferrocarrís máis económicos para a súa explotación (1901). Antonio Correa foi tamén xornalista e escribiu sobre outros campos. O seu libro máis coñecido é Historia de fin de siglo. Descripción histórico-geográfica de la provincia de Lugo, publicado recentemente en edición facsímile por Valín Libros.