O certame premiará obras sobre mulleres nos ámbitos STEM con visitas ao centro e difusión das creacións.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña convoca a primeira edición do seu Concurso Escolar de Cómics, un certame destinado a alumnado de primaria e secundaria que busca dar visibilidade ao traballo da muller na enxeñaría.
O concurso, convocado con motivo do Día Internacional da Muller na Enxeñaría, pretende contribuír á redución da fenda de xénero nos ámbitos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), eliminando prexuízos e estereotipos, ademais de poñer en valor o papel do cómic como ferramenta de divulgación para todas as idades.
Neste contexto, as obras presentadas tratarán sobre a vida e o traballo das mulleres cuxa actividade laboral se encadre nalgún dos ámbitos STEM mencionados, independentemente do marco temporal (pasado, presente ou futuro).
Outorgarase un premio por cada modalidade (primaria e secundaria) que consistirá nunha visita guiada ao CITEEC para a persoa gañadora cun máximo de 25 acompañantes, un lote de regalos do centro, a impresión con formato póster do cómic gañador e a difusión da obra e autoría nas canles de comunicación do CITEEC.
O prazo estará aberto ata o 12 de xuño de 2026 para calquera estudante de primaria e secundaria dos centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia. A participación poderá ser individual ou en parella. Toda a información relativa a inscrición, características das obras e fallo do xurado está dispoñible na súa páxina web ou no código QR do cartel.
Sobre o CITEEC
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) é un centro singular de investigación pertencente á Universidade da Coruña. Inaugurado no ano 2000, o CITEEC está especializado nos distintos ámbitos da enxeñaría civil e da edificación, desenvolvendo actividade investigadora, de transferencia e de innovación orientada á resolución de retos reais do sector.
A súa actividade estrutúrase arredor da I+D+i e da sustentabilidade como eixes transversais, promovendo solucións avanzadas en áreas como construción e desenvolvemento industrial limpos, transporte intelixente e mobilidade sostible, cambio climático e xestión de recursos naturais e hídricos, e transición enerxética. O centro destaca pola súa capacidade para integrar investigación básica e aplicada, colaborando activamente con empresas, administracións públicas e outras institucións científicas tanto a nivel nacional como internacional.
O CITEEC conta con 10 laboratorios especializados nas súas instalacións, equipados con tecnoloxía avanzada para a experimentación e a análise, así como con 4 laboratorios asociados. Esta infraestrutura sitúao como un dos principais centros de investigación no ámbito da enxeñaría civil en España e constitúe unha referencia única en Galicia.