Esta liña de axudas beneficia máis dun cento de corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia.
A Deputación vén de publicar a concesión provisional de 201 844,16 euros en axudas para a realización de actividades musicais na provincia durante o ano 2026. A liña de subvencións do programa FO214/2026 beneficia máis dun cento de entidades musicais, concretamente 105. Entre elas figuran formacións e asociacións como Cantigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Real Coro Toxos e Froles, Asociación Cultural Xacarandaina, Asociación Cultural Coro Gaos, Asociación Cultural Orquesta Gaos, Embruxo Gaiteiros, Grupo de Baile e Música Tradicionais Brincadeira, Escola de Música de Rianxo, Banda de Gaitas Airiños de Fene ou Asociación Cultural Trovadores de Ares.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que «o obxectivo de impulsar estas axudas é promocionar a nosa cultura a través de festivais e eventos musicais como piar fundamental que une e atrae a tanta xente de todos os recunchos de Galiza». González rematou engadindo que «a subvención tamén fomenta o asociacionismo, o querer formar parte de grupos e bandas que levan por bandeira a nosa tradición musical».
Aquelas agrupacións que teñan aprobada a subvención de xeito condicionado, poderán presentar a documentación requerida no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución. Pasado o prazo de enmendas, aquelas que non achegaran a información indicada, quedarán sen a axuda. O período de tempo para aceptar ou denegar a achega será o mesmo para aquelas entidades que teñan a teña concedida de maneira exclusivamente provisional.
As listaxes das corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato admitidas e desestimadas xa están publicadas no BOP n.º 81, do 4 de maio.
Máis de 460 000 euros a través da liña FO213
Estas axudas súmanse ás concedidas tamén provisionalmente ao abeiro da liña FO213/2026, destinado a investimentos culturais para a mesma tipoloxía de entidades beneficiarias —corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de gran formato.
A concesión provisional deste programa, feita pública hai escasas semanas, destina 463 394 euros para 120 entidades da provincia da Coruña, con importes que van dun mínimo de 1500 a un máximo de 13 500 euros. En total, algo máis de 665 000 euros entre ambas as dúas liñas de subvencións.