Entre os tramos cedidos figura o acceso á praia de Bastiagueiro e a avenida de Santa Cristina, recentemente remodelada pola Deputación con 1,7 millóns de euros.
A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia o acordo de cesión ao Concello de Oleiros de seis tramos de estradas provinciais situados dentro do termo municipal, que suman en conxunto 2.794 metros, é dicir, preto de 2,8 quilómetros de vías.
O acordo foi aprobado por unanimidade no pleno da Corporación provincial celebrado o pasado 29 de abril e afecta ás estradas DP 5803, DP 5804, DP 5805, DP 5806, DP 5808 e DP 5809, todas elas vías con carácter marcadamente urbano dentro do municipio de Oleiros.
A transmisión gratuíta inclúe os solos, construcións e todos os elementos funcionais que forman parte destas vías, cunha valoración conxunta de 6.678.386,42 euros, segundo se publica no BOP
Os tramos cedidos son os seguintes:
DP 5803 – Pasaxe a Perillo: 953 metros
DP 5804 – Acceso á praia de Santa Cristina: 446 metros
DP 5805 – Acceso á praia de Bastiagueiro: 196 metros
DP 5806 – Prolongación ao mar da AC-190 en Coruxo: 419 metros
DP 5808 – Pousada a Edreira, tramo comprendido entre a DP 5813 e a Vía Ártabra:268 metros
DP 5809 – Da estrada Oleiros-Sada á de Pousada-Edreira: 512 metros
A Deputación destaca que se trata de estradas que, pola súa situación e funcionalidade actual, teñen xa unha natureza esencialmente municipal, ao discorrer por ámbitos urbanos ou de acceso directo a espazos públicos, residenciais e praias do concello.
As vías cedidas atópanse en bo estado de conservación e algunhas delas foron obxecto de actuacións recentes por parte da Deputación. É o caso do acceso á praia de Santa Cristina, unha das zonas máis transitadas do municipio, onde a institución provincial executou unha importante remodelación orientada a mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade do espazo urbano, cun investimento de 1,7 millóns de euros.
Con esta transmisión, a Deputación avanza na racionalización da súa rede viaria, diferenciando aquelas estradas que manteñen unha función provincial das que, pola súa integración no tecido urbano, responden mellor a unha xestión directa por parte dos concellos.
O acordo establece que o Concello de Oleiros deberá manter a afectación ao dominio público dos bens cedidos durante os 30 anos seguintes á aprobación da transmisión, prevéndose a súa reversión á Deputación no caso de incumprimento. Tamén se recolle que todos os gastos, impostos, investimentos e actuacións que deriven da titularidade das vías pasarán a ser asumidos polo Concello unha vez formalizada a transmisión.
A resolución publicada no BOP será trasladada á Xunta de Galicia para os efectos previstos na Lei de estradas de Galicia e no seu regulamento, coa finalidade de completar a posterior aprobación mediante decreto do Consello da Xunta.