O portavoz local, Jose María Fernández, advirte do “agravio” con respecto ao resto do municipio e outras zonas con fibra óptica e pregúntase “que xestións fixo o alcalde para dar solución a esta situación inxusta para os veciños e veciñas de Valboa e Ría de Abres”.
“O Goberno de Sánchez non ten intención de despregar redes de fibra óptica nas parroquias de Valboa e Ría de Abres, no municipio de Trabada”, segundo se desprende da súa resposta oficial ante as preguntas formuladas polos senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.
Os populares esixían por escrito explicacións sobre os motivos que xustifiquen o despregamento parcial da banda ancha de alta velocidade mediante fibra óptica no municipio do que se exclúen estas dúas parroquias. Así mesmo, os senadores preguntaban polas previsións do Goberno de España para incorporar Valboa e Ría de Abres nos seus programas para estender a fibra óptica.
Á vista de que “non responden ás nosas preguntas” porque “a resposta que ofrecen non se adecúa especificamente ao que preguntamos”, os populares entenden que “estas dúas parroquias de Trabada quedan fóra dos plans do Goberno de Sánchez”.
INICIATIVA NA COMISIÓN DE TRANSFORMACIÓN DIXITAL
Os senadores lucenses do Grupo Popular lograron aprobar na Cámara Alta a finais do 2025 unha iniciativa para instar ao Goberno de España a garantir o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións nos municipios que o necesiten, ofrecendo o apoio necesario para que alcancen a toda a poboación. Concretamente instaba ao Executivo a garantir o acceso a telefonía móbil e fibra óptica na totalidade da provincia de Lugo toda vez que moitos lugares continúan sen cobertura de telefonía móbil nin acceso a fibra óptica, “unha situación que lastra o desenvolvemento laboral, educativo e económico de veciños e empresas”.
Balseiro lembra que, mentres o Goberno presume de pechar a fenda dixital e xestiona importantes fondos europeos destinados a conectividade, moitas zonas seguen excluídas pola renuncia de adxudicatarios ou pola falta de impulso efectivo da administración estatal.
FALTA DE PESO POLÍTICO DO ALCALDE
O portavoz do PP local, José María Fernández, asegura que “esta situación supón unha clara desvantaxe respecto ao resto do municipio” e “un agravio respecto das zonas que si dispoñen de conexión a fibra óptica”.
O popular defende a “igualdade de oportunidades para tódolos veciños e veciñas do municipio” e pregúntase “que xestións fixo o alcalde para tratar de resolver esta situación inxusta cos veciños de Valboa e Ría de Abres que resultan discriminados con respecto ao resto dos veciños do municipio de Trabada”. E incide en que, “unha vez máis, vemos a súa falta de peso para xestionar cos membros do seu partido con responsabilidades noutros Gobernos”.