O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, criticou hoxe que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizara onte a súa terceira visita a Padrón en pouco máis dun mes e “tanto el como o alcalde sigan sen explicarlle á veciñanza onde pensan recortar o investimento anunciado para o proxecto de humanización da estrada N-550”.
Rodríguez Conde lembrou que o proxecto que o Goberno de Mariano Rajoy incluíra nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 ascendía a 4,05 millóns de euros, mentres que o investimento anunciado a comezos de abril polo delegado do Goberno e o rexedor local non superaba os tres millóns de euros. “Co incremento dos custos da construción nos últimos anos, o lóxico sería que o orzamento de 2018 se incrementara notablemente para acometer as obras previstas e non que se reducira nun millón de euros”, argumentou o edil popular.
Por este motivo, anunciou que o Grupo Municipal levará unha moción ao vindeiro pleno instando ao executivo de Anxo Rei a esixirlle ao Goberno central maior transparencia sobre o “novo proxecto” que supostamente está a redactar e tamén “que garanta a dotación dos recursos necesarios para acometer, como mínimo, as melloras previstas no proxecto anterior”. Ademais, tamén avanzou que, para realizar maior presión política, tamén xestionará co Grupo Popular no Congreso dos Deputados a presentación dunha iniciativa orientada a requerir que o Goberno de Pedro Sánchez comprometa os fondos suficientes para que a humanización da estrada N-550 sexa “unha actuación o máis ambiciosa posible”.
“Semella que nas últimas semanas aumentou notablemente o nerviosismo preelectoral do alcalde e por iso xa trouxo de visita a Padrón tres veces ao delegado do Goberno”, manifestou Rodríguez Conde, reprochándolle “a politización socialista” dunha celebración institucional como a festividade de San Xoán do Radio, á que non só asistiu como convidado non só o delegado do Goberno en Galicia, senón tamén o secretario xeral do PSdeG-PSOE, o subdelegado do Goberno na Coruña e un deputado socialista. “O alcalde debería ocuparse máis de defender os intereses dos padroneses que de facerlle campaña aos posibles candidatos do PSOE á Alcaldía de Santiago e a outros compañeiros de partido”, remarcou.