O Comité de Irmandamento, no que están representados os tres grupos municipais e as principais entidades do tecido asociativo, reuniuse hoxe para ultimar o programa que combinará patrimonio, cultura e actividade física.
O Comité de Irmandamento reuniuse hoxe para ultimar os preparativos da visita da semana que vén dunha delegación de Les Sables d’Olonne, localidade francesa coa que A Laracha está irmandada e coa que mantén desde hai anos unha estreita relación baseada no intercambio cultural e no coñecemento mutuo.
Neste Comité de Irmandamento están representados os tres grupos municipais da Corporación, así como representantes das principais entidades do tecido asociativo larachés. Todos eles tamén foron convidadas a formar parte dos diferentes actos previstos ao longo da visita, reforzando así o carácter aberto e participativo do irmandamento.
A expedición francesa aterrará o mércores 23 de setembro no Porto (Portugal), desde onde se desprazará ata A Guarda e serán recibidos de xeito oficial nese Concello. A elección desa localidade responde á estreita relación histórica que existe coa Laracha, explicada no libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, que afonda nos vínculos a través da actividade dos telleiros.
Durante a xornada do xoves e do venres, parte do grupo realizará dúas etapas do Camiño de Santiago: A Guarda-Oia e Oia-Baiona. Para aquelas persoas que non participen, contémplanse alternativas de carácter cultural que lles permitirán coñecer diferentes lugares e aspectos do patrimonio e da historia do Baixo Miño.
O sábado 26 será unha xornada dedicada a visitar a Ribeira Sacra. O día concluirá cunha cea de convivencia no Centro Sociocultural de Vilaño que terá un marcado carácter cultural coa participación do coro de Les Sables d’Olonne e da Asociación Cultural Santa María de Torás. A música tradicional servirá como punto de encontro entre as dúas comunidades, nunha noite pensada para compartir costumes, expresións culturais e reforzar os lazos entre os representantes e participantes de ambas localidades.
O domingo 27 as actividades centraranse integramente no termo municipal da Laracha. A delegación francesa realizará un percorrido polos elementos patrimoniais máis destacados do concello, entre eles o Castro de Montes Claros e o Museo de Golmar, ademais de coñecer Caión, o seu patrimonio e espazos máis representativos. As persoas que o desexen tamén poderán realizar a ruta Caión, porta da Costa da Morte, incluída no programa municipal A Laracha Activa, que comunica a vila de Caión coa capital municipal a través dun percorrido pensado para gozar do territorio e da paisaxe.
O luns 28 visitarán Santiago de Compostela, onde terá oportunidade de coñecer a capital galega e o seu importante patrimonio histórico e cultural. Pola noite terá lugar na Laracha o encontro oficial de despedida como peche destas xornadas de actividades e convivencia, antes de que a expedición emprenda a viaxe de regreso o martes 29 de setembro.
Con esta nova visita, o Concello da Laracha dá continuidade á relación construída con Les Sables d’Olonne no marco do irmandamento, favorecendo o contacto directo entre as dúas localidades e promovendo un intercambio no que teñen cabida non só as institucións, senón tamén as asociacións e a propia veciñanza. O programa preparado para estes días busca precisamente manter vivo ese vínculo a través do coñecemento do patrimonio, da cultura, das tradicións e das formas de vida de ambos pobos.