Este sábado a veciñanza da Laracha fixo historia cunha das manifestacións máis multitudinarias que se recordan na vila: case tres mil persoas percorreron as rúas da Laracha baixo lemas como “queremos aire puro, non futuro escuro” e numerosas pancartas, incluso un ataúde coa mensaxe “Morte de Soandres”, escenificando o final do seu modo de vida se a macroplanta de biogás finalmente se fixera realidade.
Este proxecto, da empresa Bioenergía Coruña, que se pretende instalar en Vista Alegre na parroquia larachesa de Soandres, afectaría a unhas 500 familias que viven nun radio de 3km, procesando ata 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos, chegando a verter o equivalente a 2.000 camións cisterna de residuos líquidos na cabeceira do río Anllóns, que atravesa varios concellos da comarca de Bergantiños.
Ao remate da marcha, diante do edificio do Concello en obras, a Plataforma convocante leu un manifesto no que deixaron claro que “non estamos en contra das renovables, pero si deste modelo” e explicaron todos os perigos e danos que esta macroplanta podería acarrear e que non están dispostos a permitir:«Isto non remata aquí, é unha loita longa e non imos parar«, xa que tal como explicaron, está o prazo de alegacións aberto ata o 26 de maio e pensan esgotar todas as vías para evitar que este proxecto condene o seu futuro.
Ademais de continuar as reivindicacións e accións legais contra o proxecto, a Plataforma Stop Biogás A Laracha segue a realizar actividades de información á veciñanza: este propio domingo ás 12:00h no Casino de Carballo, terá lugar unha nova charla informativa con expertos, na que participarán Laura Barral, bióloga do CICA da UDC, Evaristo Domínguez do Instituto de Estudos Bergantiñáns e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil.