Ofensiva institucional do BNG: “non se pode permitir que multinacionais con lucros millonarios destrúan emprego para aumentar marxes empresariais”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar a intervención do Ministerio de Traballo frente ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado pola multinacional Nestlé, que prevé o despedimento de 301 persoas no conxunto do Estado e afecta de maneira especialmente grave á factoría galega de Pontecesures, onde se propoñen 27 despedimentos sobre un cadro de persoal de 198 traballadores e traballadoras.
A ofensiva institucional do BNG, co rexistro de iniciativas tanto no Congreso como no Senado, procura defender o emprego industrial actual na Galiza e reclama explicacións urxentes, así como actuacións contundentes, por parte do Goberno español ante un recorte “inxustificábel e inaceptábel”.
O deputado do BNG no Congreso denuncia que a planta de Pontecesures é a terceira máis afectada do conxunto do Estado malia tratarse dunha factoría estratéxica para a propia compañía, xa que é a única que produce leite condensado e exporta arredor de70% da súa produción a mercados internacionais, principalmente Europa, Arabia Saudí e países do Sahel.
Néstor Rego considera “absolutamente inexplicábel” que Nestlé pretenda acometer estes despedimentos precisamente no período de maior carga de traballo, entre os meses de marzo e outubro, cando se multiplica a produción para atender os pedidos internacionais. “Estamos ante unha decisión empresarial orientada exclusivamente a incrementar aínda máis os lucros da multinacional a costa dos postos de traballo” denuncia.
O deputado nacionalista lembra, ademais, que Nestlé obtivo no ano 2025 uns lucros de 2.984 millóns de euros, polo que considera que “non existen razóns económicas nin organizativas reais que xustifiquen un recorte tan brutal do persoal”.
Neste sentido, o BNG reclama ao Ministerio de Traballo realizar “un seguimento exhaustivo” do proceso de despedimento colectivo e que actúe como autoridade laboral para impedir un ERE que “carece de fundamento e terá consecuencias moi graves para as economías locais e para centos de familias”.
A formación nacionalista demanda ao Goberno escoitar as organizacións sindicais con representación na fábrica, entre elas a CIG, que xa manifestaron o seu rexeitamento frontal ao expediente ao considerar que as supostas “causas organizativas” alegadas pola empresa non están acreditadas.
Así mesmo, o Rego insiste na necesidade de recuperar a autorización administrativa previa nos expedientes de regulación de emprego, eliminada polas reformas laborais. “As empresas poden decidir unilateralmente despedimentos colectivos simplemente cumprindo formalidades administrativas, mesmo cando as memorias xustificativas carecen de base real. É imprescindíbel devolverlle á autoridade laboral capacidade efectiva para frear os ERE sen causa” sinala.