Especialistas de referencia internacional analizarán riscos, percepción social e estratexias de adaptación ao cambio climático.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro venres, día 15 de maio, un seminario de alto nivel tras as recentes catástrofes de 2026, co obxectivo de tender pontes entre a ciencia climática e as políticas públicas nacionais e europeas. Este evento está coordinado polo distinguido investigador Dr. FredySantiago Monge Rodríguez, do Departamento de Psicoloxía e afiliado ao Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña.
Tras un comezo de ano marcado pola dureza dos fenómenos meteorolóxicos extremos, a comunidade científica dá un paso adiante. As devastadoras tormentas e inundacións do pasado mes de febreiro, que deixaron máis de 11.000 persoas desprazadas en Galicia e Andalucía, sumadas ao recordo aínda recente da DINA de Valencia en 2024, evidencian que España se atopa na primeira liña da crise climática.
Neste contexto, a Sala de Visualización do CITEEC converterase no epicentro do debate climático ca celebración da xornada interdisciplinar “Xornada Internacional sobre eventos climáticos extremos e cambio climático: respostas para a adaptación”.
Un panel internacional fronte a desafíos locais
O encontro contará cun destacado elenco de expertos de traxectoria internacional. Entre os relatores salientan:
• Ciencias do comportamento: Cameron Brick (Universidade de Ámsterdam), Robert Tobias (Universidade de Zúrich), Adrian Brugger(Universidade de Berna) e Fredy S. Monge (Universidade da Coruña), que analizarán como a sociedade percibe o risco e que factores impulsan a adaptación.
• Xeomorfoloxía e riscos hídricos: Chris Skinner (York St John University), especialista en modelización de inundacións.
• Sostibilidade e adaptación: Os investigadores Ricardo García e Rodrigo Lozano Ros, da Universidade da Coruña, achegarán unha visión centrada na adaptación e na sostibilidade.
“O cambio climático xa non é unha proxección de futuro; é unha realidade que está a degradar a nosa contorna e a esixir respostas políticas coordinadas”,sinala a organización do seminario. O foro nace co propósito de romper os “silos” do coñecemento e fomentar un espazo de debate verdadeiramente interdisciplinar.