A pregunta será formulada na vindeira Comisión de Industria a próxima cuarta feira, 20 de maio, co obxectivo de exercer presión sobre o Goberno para que actúe.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, formulará unha pregunta oral ao Goberno do Estado na Comisión de Industria da vindeira cuarta feira, 20 de maio, para reclamar a participación activa da SEPI no deseño dun plan de viabilidade para o Grupo Losán que garanta a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo nas fábricas de Curtis e Vilasantar.
A iniciativa do Bloque prodúcese nun contexto de enorme preocupación social e laboral ante a grave situación que atravesa a empresa, marcada pola falta de pagamento de nóminas, os despedimentos colectivos e a incerteza sobre o futuro do grupo madeireiro, unha das principais referencias industriais da comarca e do sector da madeira na Galiza.
O deputado do BNG lembra que o Congreso xa aprobou recentemente unha iniciativa da formación nacionalista na que se instaba o Goberno do Estado a “adoptar un papel activo” e, a través da SEPI, participar no deseño dun plan de viabilidade para o Grupo Losán. “Agora o Goberno debe cumprir o mandato aprobado pola cámara baixa e implicarse de maneira directa para garantir o futuro da actividade industrial e dos postos de traballo” subliña Néstor Rego.
Denuncia que a situación actual “é consecuencia da irresponsabilidade da dirección da empresa, mais tamén da pasividade das administracións públicas malia os importantes recursos públicos comprometidos nos últimos anos”. Neste sentido, lembra que a SEPI inxectou 35 millóns de euros ao Grupo Losán a través do fondo de solvencia post-covid, aos que se suman outros 7 millóns do IGAPE e avais do ICO por valor de 19 millóns.
“Non é admisíbel que, despois de recibir un importante volume de financiamento público, a empresa estea hoxe nun escenario de deterioro que pon en risco centos de empregos e a continuidade dun proxecto industrial estratéxico para o país” afirma Rego.
O BNG considera imprescindíbel que a SEPI, como entidade investidora, exerza un papel de mediación e coordinación xunto coa Xunta da Galiza, a dirección da empresa e os comités das fábricas de ASERPAL e LOSAN para impulsar un plan de sustentabilidade e pagamentos que permita asegurar a viabilidade da compañía.
Aliás, o deputado do BNG advertirá ao Goberno do Estado na Comisión de Industria da necesidade de avaliar os resultados dos investimentos públicos realizados no sector industrial e impulsar reformas que impidan que empresas receptoras de fondos públicos poidan acabar executando EREs, despedimentos ou procesos de desmantelamento industrial.
“Cada semana de atraso agrava a situación das familias afectadas e erosiona a viabilidade futura do proxecto industrial. O Goberno do Estado non pode continuar mirando cara a outro lado” alerta Néstor Rego.