José Osorio explica que a Fundación Terreo, dentro da documentación que puido consultar, “é totalmente deficitaria” xa que as últimas contas pechadas que se puideron comprobar (2024), pechando o ano cun déficit superior aos 131.000€, sendo os ingresos de 242.538,93€ e cunhas obrigas recoñecidas de 373.631,03€.
O voceiro do PP de Ribeira de Piquín, José Osorio, amosou publicamente as súas dúbidas sobre “o funcionamento” da Fundación Terreo, sobre a que se pregunta “que ten que agochar o alcalde” xa que “sistematicamente se dedica a poñer trabas ás nosas peticións de acceso” a documentación e expedientes desta Fundación.
José Osorio explica que hai poucos días que presentou un recurso de reposición contra a resolución de alcaldía pola que se denegaba o acceso aos expedientes de forma telemática e “unicamente se facilitaba a consulta en papel”. “Considero que esta decisión vulnera os meus dereitos como concelleiro e a miña labor de fiscalización do goberno local xa que hai documentación que como concelleiro teño o dereito de ter e non so consultar”, destacou.
No escrito presentado reclámase acceso íntegro e copia electrónica dos seguintes documentos:
– estatutos da Fundación e documentación relativa á súa constitución, adscrición e réxime xurídico
– composición do Padroado e acordos relativos á súa presidencia
– actas, acordos, resolucións e decretos relativos á Fundación
– contratos, encargos, convenios, nomeamentos ou títulos xurídicos en virtude dos cales o alcalde preste servizos retribuídos á Fundación
– informes de Secretaría, Intervención ou doutros servizos xurídicos ou económicos
– informes sobre compatibilidade, incompatibilidade, abstención ou conflito de intereses
– expedientes de aprobación e fiscalización do gasto
– facturas, nóminas, xustificantes de pagamento, recoñecementos de obrigas e documentación contable ou orzamentaria vinculada
– contas anuais, memoria económica e demais documentación económico-financeira relacionada con tales pagamentos ou servizos
Deste xeito, o voceiro do PP pregunta “que ten que agochar o alcalde para poñer tantas trabas” xa que “sempre que pregunto sobre a Fundación aparecen problemas para poder acceder á documentación”. Ademais, denuncia que durante a consulta que realizou da documentación de forma presencial e da que non se facilitou copia algunha, “esixíuseme asinar un documento para que non puidese empregar nada da documentación consultada”, é dicir, “o propio alcalde quere impedir o noso traballo e que poidamos denunciar publicamente os seus tejemanejes”.
Neste senso, José Osorio recorda como “a pesar de que o alcalde non quere, xa fixemos público como emprega a Fundación Terreo para aumentar as súas retribucións mensuais”. O voceiro do PP en Ribeira de Piquín explica que os estatutos de goberno da Fundación establecen que os órganos de goberno da mesma deben de realizar as súas funcións de forma gratuíta, pero “a realidade é que o alcalde lle deu voltas aos estatutos ata atopar a forma de poñerse un sobresoldo de case 20.000€ anuais”.
A fórmula empregada polo alcalde de Ribeira de Piquín, e tamén presidente da Fundación, foi nomearse a el mesmo xerente da Fundación para así poder asignarse un salario “ao non ser un órgano de goberno”.
Unha situación que contrasta coa realidade da Fundación, “que é totalmente deficitaria”. A Fundación Terreo pechou o ano 2024 (son as últimas contas ás que tivo acceso o voceiro do PP en Ribeira de Piquín) cun déficit superior aos 131.000€.
Os ingresos nese exercicio foron de 242.538,93€ e unhas obrigas recoñecidas de 373.631,03€. “Queda claro para o alcalde non emprega a Fundación para xerar emprego e riqueza no municipio, e moito menos para asentar poboación; unicamente lle interesa para poder engrosar as súas retribucións cada mes”, denunciou.
“Vemos como como hai un desfase dun 35%, o que evidencia que a xestión do alcalde, presidente e xerente é moi mala. Cómpre cambiar o rumbo para que a Fundación cumpra o cometido para o que naceu”, sentenciou.
Foto portada: Elisardojm (Wikipedia)