O colectivo das Pedras Galladas, en colaboración co Centro Social Ledoñés, organizou o pasado mes de abril unha nova inspección do tramo do río Valiñas que ten en custodia ao seu paso por Ledoño, dentro do programa Proxecto Ríos, impulsado por ADEGA para fomentar a implicación da cidadanía no coñecemento e defensa dos ecosistemas fluviais galegos.
A actividade permitiu analizar o estado da auga, da biodiversidade e da contorna fluvial, así como continuar o seguimento periódico deste ecosistema a través das inspeccións que se realizan dúas veces ao ano, en primavera e outono. Este traballo continuado resulta fundamental para comprender a evolución do río ao longo do tempo, xa que factores como as choivas, os movementos de terra, os vertidos ou os cambios nos usos do solo poden modificar significativamente o seu estado en cuestión de días.
Co obxectivo de ampliar esa visión do ecosistema fluvial e comprender mellor como afectan os impactos ao longo do curso do río, o colectivo colaborará de novo co Centro Social Ledoñés, que tamén participa no Proxecto Ríos cun tramo en custodia río abaixo do das Pedras Galladas.
A nova actividade terá lugar o vindeiro sábado 16 ás 10:30 horas, con punto de encontro no Centro Ledoñés. Desde alí, as persoas participantes desprazaranse a pé ata a zona de inspección, no acceso ás Naveiras desde a rotonda do polígono de Ledoño.
Durante a xornada realizaranse tarefas de observación do estado do río e da súa ribeira, identificación de flora e fauna e detección de posibles impactos ambientais, empregando os materiais e metodoloxías facilitadas polo Proxecto Ríos.
Desde as entidades participantes destacan a importancia da custodia do territorio e da colaboración entre colectivos para coñecer mellor o estado dos ríos e reforzar a defensa do patrimonio natural da comarca.
Máis infor