O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, denunciou que o novo goberno municipal do Partido Popular eliminase a área de Promoción da Lingua do organigrama do Concello de Lugo, unha decisión que cualificou de “moi negativa”, especialmente coincidindo coa celebración da Semana das Letras Galegas.
Arroxo criticou que o executivo local do PP, “chegado ao goberno de maneira ilexítima e da man dunha tránsfuga”, aprobase un decreto de organización no que desaparece por primeira vez en moitos anos unha concellería específica dedicada á promoción da lingua galega.
“Estamos na Semana das Letras Galegas, unha semana na que todo o mundo intenta promover a nosa lingua, a lingua propia de Galiza, o galego. Pero é curioso que nestes días saia o decreto de organización do novo goberno que asina o Partido Popular e que, por primeira vez en moitísimos anos, o goberno municipal non vaia ter unha concellería de Promoción da Lingua”, afirmou.



O portavoz nacionalista advertiu de que esta decisión “marca unha folla de ruta clara” por parte de Elena Candia respecto á política lingüística no Concello de Lugo. “O PP deixa claro que non se vai preocupar o máis mínimo pola lingua galega, porque retira esa competencia do organigrama municipal”, asegurou.
Desde o BNG consideran que a eliminación desta área supón “un paso atrás” no compromiso institucional coa defensa e promoción do galego, especialmente nun contexto no que, segundo sinalan, é necesario reforzar as políticas públicas de normalización lingüística e apoio ao uso social da lingua propia do país.
Arroxo reiterou o compromiso do BNG coa defensa do galego “como elemento fundamental da identidade e da cultura do noso pobo” e advertiu de que o Bloque continuará reclamando políticas activas de promoción da lingua desde todas as institucións.