O Concello de Lugo reforza a promoción da lingua galega cun enfoque transversal en distintas áreas municipais

 
Ante as informacións difundidas nas últimas horas, o Concello de Lugo quere aclarar que é falso que se elimine a Promoción da Lingua da estrutura do novo goberno municipal.

A reorganización realizada non supón nin a eliminación nin a redución das políticas de promoción do galego. Pola contra, o novo executivo aposta por reforzar a presenza da lingua desde un enfoque transversal, integrándoa en distintos ámbitos da acción municipal.

Ata o de agora, as áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua Galega atopábanse integradas nunha mesma concellería. Coa nova organización municipal, estas competencias distribúense en dúas áreas diferenciadas: Cultura e Educación, por unha banda, e Turismo e Museos, pola outra.

Rubén Arroxo denuncia que o novo goberno municipal do PP elimina a área de Promoción da Lingua

Deste xeito, a promoción da lingua galega seguirá impulsándose tanto desde dentro da propia actividade cultural, educativa e social do Concello como tamén desde fóra, vinculada á promoción turística, patrimonial e identitaria da cidade.

O propio decreto de organización municipal recolle expresamente esta distribución competencial e as funcións relacionadas coa promoción da lingua galega.

O Goberno municipal considera importante favorecer un debate público baseado na lectura completa dos documentos oficiais e na interpretación rigorosa do seu contido.

A promoción da lingua galega seguirá sendo un compromiso institucional do Concello de Lugo e continuará presente nas políticas impulsadas polas distintas áreas municipais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios