Tanxugueiras encóntranse co público da Coruña este xoves

A cita, conducida por Carolina Iglesias, incluirá a proxección dunha peza audiovisual, un coloquio aberto e unha firma de discos que se poderán adquirir exclusivamente no evento.

Este xoves, 14 de maio, o emblemático Teatro Colón da Coruña acollerá a presentación oficial de O Cuarto, o novo traballo discográfico de Tanxugueiras. Unha xornada de «escoita íntima» e encontro e diálogo nun coloquio moi especial onde Sabela, Olaia e Aida compartirán as historias que atravesan esta nova etapa artística.

O evento arrancará coa proxección da peza audiovisual que acompaña ao disco e que permitirá ás e aos asistentes penetrarse no universo narrativo do proxecto antes de dar paso a unha conversa aberta entre Tanxugueiras e o público, quen poderá participar activamente formulando preguntas e compartindo impresións coas artistas.

A velada será conducida pola recoñecida comunicadora galega Carolina Iglesias(@percebesygrelos), quen exercerá de mestra de cerimonias para acompañar a Sabela, Olaia e Aida nunha conversa distendida sobre o proceso creativo e a evolución sonora do grupo.

Ademais, nunha aposta polo formato físico e a experiencia presencial, o evento no Teatro Colón será o único punto de venda oficial do álbum durante a súa primeira semana de lanzamento. A xornada concluirá cunha firma de discos.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro regresarán á cidade da Coruña o 17 de outubro para presentar, no Coliseum da Coruña, o seu álbum O Cuarto, co cal celebran os seus anos de traxectoria. O directo, que será a única oportunidade de ver o grupo en directo en Galicia ao longo de 2026, preséntase como un concerto único e exclusivo. As entradas están á venda en Tanxugueiras.com.

PRESENTACIÓN O CUARTO, DE TANXUGUEIRAS, NO TEATRO COLÓN

Data: 14 de maio de 2026

Hora: 20.00h (19.30h apertura de portas)

Entrada libre ata completar capacidade

CONCERTO DE TANXUGUEIRAS NO COLISEUM

Data: 17 de outubro de 2026

Entradas á venda en Tanxugueiras.com

Foto portada: © Raúl Béjar – Santa Mónica Films

Comparte éste artículo
No hay comentarios