O PSOE de Lugo move ficha: reorganiza o Grupo Municipal para liderar a alternativa de goberno

O Grupo Municipal Socialista de Lugo aprobou a súa nova organización interna por áreas, co obxectivo de fortalecer o labor de fiscalización da acción do goberno municipal e consolidar unha alternativa política solvente, preparada e con capacidade de xestión contrastada para a cidade.

A distribución de responsabilidades responde á estrutura orgánica do Concello de Lugo e combina experiencia institucional, coñecemento técnico e unha ampla traxectoria política e profesional dos concelleiros e concelleiras socialistas.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista continuará sendo Miguel Fernández Méndez, quen liderará a coordinación política e institucional do grupo, mantendo a liña de traballo 

desenvolvida nos últimos anos ao fronte da Alcaldía. Fernández achega unha ampla experiencia de goberno, coñecemento profundo da administración municipal e unha acreditada capacidade de diálogo, xestión e planificación de proxectos estratéxicos para Lugo.

Pola súa banda, Ana González Abelleira exercerá como portavoz adxunta, funcións que xa viña desempeñando de facto durante a pasada etapa de goberno. A súa traxectoria á fronte de responsabilidades municipais de relevancia e o seu perfil técnico e político consolidárona como unha das voces de referencia do municipalismo socialista lucense. 

Neste sentido, Abelleira afirmou que  “o futuro de Lugo está en risco. Ao longo da última semana comprobamos como a nosa lingua quedou marxinada na nova estrutura do goberno, ao fronte de Cultura está un activista conservador, Candia deixa Xuventude e Deportes en mans de quen ata hai poucos meses era propietario do after máis conflictivo do centro da cidade; atribúelle á tránsfuga funcións para as que non está habilitada legalmente; e deixa o futuro das infraestruturas municipais nas mans dun político aspirante a magnate inmobiliario. É máis necesario que nunca garantír que Lugo non retroceda nun ano o que avanzou no último cuarto de século”.

Deste xeito, a nova organización estrutúrase do seguinte xeito:

Área de Alcaldía, Medio Ambiente, Zona Rural, Recursos Humanos, Economía e Dinamización Económica

Esta área será coordinada por Miguel Fernández Méndez, Mauricio Repetto Morbán e Ana González Abelleira.

O equipo asumirá o seguimento de cuestións estratéxicas para o desenvolvemento da cidade, como a protección ambiental, a xestión dos recursos humanos municipais, o impulso económico e o apoio ao tecido produtivo local.

Miguel Fernández achega a experiencia acumulada durante os últimos anos á fronte de responsabilidades de goberno e a súa capacidade acreditada para coordinar políticas públicas complexas. Mauricio Repetto destaca polo seu tecido social e económico da cidade, mentres que Ana González Abelleira suma o seu coñecemento da administración local e da xestión económica municipal.

Área de Mobilidade e Obras, Urbanismo, Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Xuventude e Turismo e Museos

Estas áreas estarán coordinadas por Miguel Fernández Méndez, Jorge Bustos Atanasio e Eugenia Iglesias Vargas.

O socialista Jorge Bustos asumirá unha dedicación exclusiva dentro do grupo municipal para reforzar o traballo de fiscalización e proposta nestas competencias clave para a cidade. O seu perfil combina experiencia política, coñecemento da realidade veciñal e unha intensa actividade pública vinculada á participación cidadá e ao impulso das políticas culturais e deportivas.

Eugenia Iglesias Vargas achegará unha visión próxima ás políticas educativas, culturais e xuvenís, destacando pola súa capacidade de traballo e implicación cos colectivos sociais e asociativos da cidade.

O grupo prestará especial atención ao urbanismo, á planificación da mobilidade, á mellora das infraestruturas urbanas, así como á promoción cultural e turística de Lugo.

Área de Política Social, Maiores, Migración, Muller e Conciliación, Participación Cidadá, Industria e Benestar Animal

Estas competencias serán asumidas por Miguel Fernández Méndez, Ángeles Novo Fernández e Waldir Sinisterra Restrepo.

Ángeles Novo conta cunha longa traxectoria vinculada ás políticas sociais, á defensa da igualdade e á atención ás persoas, destacando pola súa sensibilidade social e experiencia na interlocución cos colectivos veciñais e asistenciais.

Waldir Sinisterra incorpora unha visión integradora e moderna das políticas de participación cidadá, convivencia e dinamización económica, reforzando a conexión do grupo coa diversidade social e cultural da cidade.

Nesta área realizarase un seguimento exhaustivo das políticas sociais municipais, da atención ás persoas maiores, da igualdade, da conciliación, da dinamización comercial e industrial e das políticas de benestar animal.

O Grupo Municipal Socialista subliña que esta organización interna responde á vontade de ofrecer á cidadanía unha oposición útil, rigorosa e preparada, baseada na experiencia de goberno demostrada ao longo dos últimos anos e na capacidade de presentar propostas serias e viables para que Lugo non perda o seu futuro ao longo dos próximos doce meses.

Comparte éste artículo
No hay comentarios