O pavillón do IES Agra de Leborís vestiuse de festa para acoller a tradicional homenaxe aos maiores do municipio, unha cita que reuniu a 670 persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas.
A xornada arrancou ás 13:30 horas cunha misa oficiada polos párrocos D. Manuel Boullón e D. Manuel Mallo. Tras o oficio relixioso, o alcalde, José Manuel López Varela, deu a benvida aos asistentes e aproveitou a súa intervención para repasar as actividades que o Concello organiza ao longo de todo o ano para este colectivo, poñendo un foco especial nos programas destinados á prevención da soidade non desexada.

Os asistentes desfrutaron dun xantar cun menú tipicamente galego composto por empanada, polbo á feira, carne asada, sobremesa e café. Tras a comida, e como antesala do baile (que comezou contra as 17:30 h), o alumnado da actividade de Bailes en Liña do programa municipal «Saudables» ofreceu unha exhibición que animou a todos os presentes.
Recoñecemento á veteranía
Como xa é tradición neste evento, o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, fixeron entrega dun detalle institucional á muller e ao home de máis idade de todo o pavillón. Este ano, os galardoados foron dous veciños da parroquia de Lestón:
Josefa Esperanza Vázquez Castiñeiras (da Agrela), que recibiu o agarimo dos presentes aos seus 101 anos.
Manuel Sánchez Tuset (da Porta Santa), homenaxeado aos seus 94 anos.