Dirixido a nenos de 5 a 12 anos de idade. A inscrición, que é gratuíta, abre mañá martes ás 10:00 horas.
Este domingo Paiosaco acollerá unha nova edición da Feira das Cereixas, Festa declarada de Interese Turístico de Galicia e principal celebración gastronómica do concello da Laracha.
Co obxectivo de seguir dinamizando esta cita e de ampliar a oferta de actividades para todos os públicos, o Concello incorpora ao programa deste ano un obradoiro infantil de cociña. A actividade celebrarase no propio recinto feiral e permitirá aos participantes desfrutar dunha experiencia culinaria na que as cereixas serán o ingrediente protagonista.
O obradoiro está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos e desenvolverase en dúas quendas: de 10:30 a 11:45 horas e de 12:15 a 13:30 horas.
A inscrición é gratuíta, pero requírese realizala previamente dado que as prazas son limitadas. O prazo abrirá mañá martes ás 10:00 horas. As persoas interesadas poden anotarse cubrindo o formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais, chamando ao teléfono 647 828 510 ou enviando un correo electrónico a turismo@alaracha.gal.
Esta iniciativa pretende propoñer aos máis novos unha experiencia participativa e divertida para contribuír a reforzar o carácter familiar e dinamizador da Feira das Cereixas de Paiosaco como un dos eventos máis representativos do calendario festivo e gastronómico do municipio.