O Concello de Lugo impulsará o expediente solicitado polo Orfeón, en outubro de 2025, para conceder a Xoán Montes o título de Fillo Predilecto de Lugo

O Concello de Lugo impulsará a tramitación do expediente para a concesión do título honorífico de Fillo Predilecto da cidade a Xoán Montes Capón, tras a solicitude formal presentada pola Asociación Orfeón Xoán Montes no mes de outubro de 2025.
A proposta promovida polo Orfeón conta ademais co apoio doutras agrupacións musicais e entidades vinculadas á traxectoria persoal e profesional do compositor lucense, entre elas o Seminario, o Círculo das Artes, a Banda Municipal ou o Conservatorio de Música.
O goberno municipal iniciará agora os trámites administrativos necesarios, coa elaboración dos correspondentes informes e a posterior elevación do expediente ao pleno municipal para a súa aprobación definitiva.
Deste xeito, o Concello de Lugo dá resposta a unha petición promovida desde o ámbito cultural e musical lucense arredor dunha figura de referencia para a historia musical e cultural da cidade.
O compositor lucense foi organista da Catedral de Lugo, creador do primeiro orfeón, fundador da Banda Municipal, pianista do Círculo das Artes e mestre de varias xeracións de músicos lucenses. Entre as súas composicións máis coñecidas figura a versión musical do poema “Negra Sombra”, de Rosalía de Castro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios