O PP de Pol acusa a Lino Rodríguez de usar o Concello “como o seu moedeiro particular” tras pasar dietas por máis de 3.800€

Nicole Grueira esixe explicacións públicas ao alcalde por todos estes gastos, especialmente da factura de 628€ dunha comida nun restaurante de Lugo: “Os veciños de Pol non estamos para pagar as festas de Lino Rodríguez e dos seus amigos; se queren pásalo ben que o pague el mesmo do seu peto”.

Os concelleiros do PP de Pol esixen a Lino Rodríguez que deixe de usar ao Concello de Pol e os seus recursos económicos “como o seu moedeiro particular” tras coñecerse que nas últimas semanas pasou a cobro 3.813,17€ en concepto de dietas.

A voceira popular, Nicole Grueira, esixe explicacións inmediatas ao alcalde, sobre todo, “dos conceptos que pide cobrar” xa que hai dietas de dubidoso pago xa que “os veciños de Pol non temos por que pagarlle ao alcalde as comidas con amigos que realiza noutros municipios”.

Grueira denuncia que “foi Lino Rodríguez o que levou ao Concello de Pol a unha situación de quebra técnica ao situar a débeda municipal por enriba dos 5M€” e “semella que isto non foi suficiente xa que se permite o luxo de pasar máis de 3.500€ en concepto de comidas”.

“O Concello de Pol non é unha caixa con fondos ilimitados para pagar os excesos e malas costumes do alcalde mentres os veciños e veciñas ven como non se lles prestan todos os servizos municipais correctamente ou como teñen que sufrir a diario pistas e camiños municipais totalmente estragados”, denunciou.

Os datos dos gastos coñecidos “son absolutamente escandalosos”, xa que Lino Rodríguez cargou ao Concello 3.813,17€ en dietas, dos cales 3.537,27€ corresponden unicamente a comidas. Entre as facturas destas comidas destacan gastos difíciles de xustificar, como unha factura de 628,20€ nun restaurante de Lugo.

Pero os excesos non rematan aí. Nos gastos referidos por Lino Rodríguez tamén aparece unha factura dunha compra nun supermercado de Pol, así como outro gasto de 77,80€ correspondente á compra dun protector, funda, cargador e batería externa. “Agora non lle resulta suficiente con que todos os polenses lle paguemos as comidas, que temos que lle temos que pagar que encha a neveira e que queira cambiar de teléfono e comprarlle todos os accesorios posibles”, criticou.

Nicole Grueira afirma que “o tempo de Lino Rodríguez á fronte do Concello de Pol hai tempo que chegou ao seu fin”, polo que “é necesario un novo rumbo político” que se preocupe de cubrir as necesidades básicas dos veciños e que continúan sen atenderse coa rapidez e os recursos que merecen. “A miña prioridade como alcaldesa será defender os intereses dos veciños e veciñas, non cargar gastos persoais ou dificilmente explicables ás contas municipais”, afirmou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios