O equipo multidisciplinar encargado do deseño traballará de inmediato en atender estas indicacións e encaixar as suxerencias en materia medioambiental. O organismo autonómico determinou someter o plan a avaliación estratéxica ordinaria.
A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia xa se pronunciou respecto ao proxecto urbanístico co que se completará o barrio coruñés do Castrillón, trasladando á Xunta de Compensación APE H9-01 Parque de Oza -como promotores encargados do seu desenvolvemento- o preceptivo informe cunha serie de cautelas e consideracións que terán que ser incorporadas ao proxecto, ao que determina ademais someter a Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria.
No citado documento sinálase que o impacto paisaxístico que este proxecto suporá é propio dos desenvolvementos urbanísticos, neste caso por causa das propias previsións do Plan Xeral coruñés -a edificabilidade para ocupar é a prevista no PXOM, 136.704,50 metros cadrados- nunha localización comprometida ademais pola topografía e a exposición visual. Por iso, solicitan aos impulsores desta iniciativa que se complete a análise da incidencia visual deste novo desenvolvemento, en especial respecto ás tres torres proxectadas, desde puntos de observación sensibles da contorna (cotas altas da cidade, miradoiros e roteiros panorámicos) e que se teñan en conta, ademais, as cores de acabado das novas edificacións co fin de lograr unha integración harmoniosa coa contorna. Tamén apuntan á necesidade de revisar a edificabilidade asignada á mazá M6, a situada fronte ao complexo deportivo- cuestión que será acometida na seguinte fase de tramitación, unha vez reconfigurada a ordenación coas cuestións que deriven da adaptación aos informes e suxerencias deste trámite ambiental. Así mesmo, require que o PERI xustifique nunha análise comparativa a nova ordenación, e que esta evite o exceso de fraccionamento dos espazos e as zonas verdes públicas, ampliando ademais o estudo de soleamento existente en distintas franxas horarias e estacións.
En mobilidade, completar cun estudo de capacidade de absorción do tráfico
No capítulo da mobilidade e sobre a solución deseñada respecto á conexión dos dous tramos da avenida da Concordia,o informe propón avaliar a incidencia dos cambios propostos sobre a mobilidade xeral da zona, esixindo que se complete cun estudo de capacidade de absorción das rúas previstas e as xa executadas, así como se confirme a suficiencia de prazas de aparcamento. Tamén apunta a que haberán de garantirse itinerarios accesibles e seguros tanto en mobilidade peonil como para os ciclistas e o transporte público.
Luz verde en materia de Patrimonio Arquitectónico. Dado que o estudo arqueolóxico non achou restos, a Xunta conclúe que non resulta preciso establecer cautelas protectoras.
O equipo multidisciplinar encargado do deseño traballará de inmediato en atender estas indicacións e encaixar as suxerencias en materia medioambiental para poder seguir coa súa tramitación. O seu obxectivo, o que guiou aos impulsores do proxecto desde o principio, acadar unha ordenación consensuada coa veciñanza e todas as partes implicadas.